Pontevedra negocia ser sede do Mundial Junior de balonmán 2019
Por Diego Espiño
A Real Federación Española de Balonmán ofreceu este mércores a Pontevedra ser unha das sedes do Campionato do Mundo Junior de 2019. En concreto ofrécelle acoller dous dos catro grupos da fase inicial (os outros dous irían a León), aínda que segue aberta a posibilidade de optar tamén á fase final.
Así llo trasladou o presidente federativo, Francisco Blázquez, ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, nunha reunión á que tamén acudiu o presidente da Federación Galega, José Luis Pérez Ouro.
"Interesaríanos pola proxección exterior e por moitas cousas", sinalou Lores, pero a principal dúbida radica nas datas de celebración, en plena tempada alta, do 23 de xullo ao 4 de agosto.
Por ese motivo, como "contraprestación", se Pontevedra accede a organizar o Mundial tamén acollería o Campionato de España de Seleccións Autonómicas de 2018, unha cita que reune a preto de 2.600 deportistas de categoría infantil, cadete e xuvenil no mes de xaneiro "y la posibilidad de acoger el Torneo Internacional Domingo Bárcenas" no que participa o equipo nacional absoluto, sinalou Blázquez.
"De celebrarse en xaneiro, febreiro ou ata xuño non marchaba sen darlle unha resposta hoxe", recoñeceu o alcalde, que apunta á posibilidade de buscar colaboración coa cidade de Vigo.
O presidente da Federación Española explicou que a decisión de ofrecer estes campionatos débese a que "Pontevedra es una ciudad de balonmano" e "la idea era recuperar el buen sabor de boca que dejó" cando foi sede do mesmo campionato, o Mundial Junior, no ano 1989.
A negociación aberta entre o Concello e as federacións continuará en próximas datas co horizonte de que "a mediados de febreiro ten que estar decidido".
Relacionadas:
-
Arxentina e Bielorrusia completan o cartel do Memorial Domingo Bárcenas que se xogará en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
España e Polonia, primeiras seleccións confirmadas para o Memorial Domingo Bárcenas de balonmán en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra e Vigo, confirmadas como sede do Mundial Junior de Balonmán 2019
Por Diego Espiño |
-
Piragüismo, tríatlon, orientación... grandes eventos deportivos para o 2016
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra será en 2019 a capital mundial do tríatlon
Por Diego Espiño |