Unha xornada histórica para o atletismo pontevedrés
Por Cristina Saiz
Será difícil poder volver ver no mesmo acto a tanta figura do atletismo galego, pasado presente e futuro da carreira "máis antiga", a milla.
O Miler Vintage Running Club organizou este luns unha charla na Casa da Luz na que se reuniron lendas como José Luis González, que posúe o record nacional na milla desde o ano 85 e é "dos poucos que gañou a Sebastian Coe", ou Manuel Gayoso, considerado como "o mellor atleta pontevedrés da historia", sinalaron xa na previa os responsables do evento.
Ambos foron homenaxeados e compartiron experiencias co público presente xunto a outros grandes do deporte, como o pentacampión do Mundo de tríatlon, Javier Gómez Noya, ou a atleta Solange Pereira, ademais da nova promesa galega Adrián Ben ou o manager de atletas Miguel Ángel Mostaza.
O acto estivo conducido polo xornalista Andrés Rivas e estivo aberto á participación da xente.