Primeiro paso dos canoístas do Piragüismo Poio e do Breogán no difícil camiño a Río 2016
Por Redacción
O camiño aos Xogos Olímpicos de Río 2016 para o piragüismo pontevedrés pasa estes días por Sevilla.
Alí concéntrase, ata o día 6 de decembro, o equipo nacional de canoa co obxectivo de preparar as embarcacións de C-1 e C-2 1.000 metros que buscarán o pasaporte olímpico o mes de maio na localidade alemá de Duisburg.
Non será un camiño sinxelo ante as poucas prazas dispoñibles e tendo en conta que España mandará unicamente unha embarcación por distancia.
Á concentración convocada pola Real Federación Española de Piragüismo acudiron dous deportistas do Club Piragüismo Poio Pescamar como Adrián Sieiro e Sergio Vallejo e outros dous do Breogán do Grove como son Tono Campos e Diego Romero.
Tamén estaba citado Álex Bernárdez (Piragüismo Poio), que non puido acudir por motivo de estudos.
Completan a nómina de padeeiros galegos André Oliveira (Firrete), Brais Casas (Kayak Tudense) e José Luis Bouza (Kayak Tudense).