O Pontevedra defende en Vigo a súa posición de play-off
Por Diego Espiño
Segundo partido consecutivo a domicilio para o Pontevedra e primeira defensa da súa posición de privilexio no play-off de ascenso.
O cadro granate visita este sábado (16:15 horas) o municipal vigués de Barreiro para enfrontarse a un Celta B que coquetea cos postos de descenso polo seu irregular comezo de tempada pero do que ninguén se fía na cidade de Lérez.
Luisito e os seus xogadores son conscientes da calidade do plantel celeste, no que figuran varios internacionais en categorías inferiores e futbolistas que chegaron a debutar co primeiro equipo.
Por ese motivo o Pontevedra viaxa cos sentidos alerta na busca dun triunfo que lles asente na zona nobre.
No corpo técnico preocupa por unha banda as reducidas dimensións do campo de Barreiro e doutra o estado físico de xogadores como Pablo e en especial Kevin Presa, que durante a semana arrastraron diversos problemas.
Ningún dos dous está descartado para un choque no que volve estar dispoñible Jacobo. Pola contra seguen de baixa por lesión Capi e Tomás, os únicos que non entraron na convocatoria pero que viaxarán igualmente a Vigo, xa que Luisito preparou un leve adestramento para os futbolistas que non vaian xogar.
Alberto González Hernández, do colexio castelán-leonés, será o encargado de arbitrar o choque, no que estarán presentes un bo número de afeccionados granates desprazados en coches particulares e no autobús habilitado polo club.
Relacionadas:
-
Grave erro arbitral e máis emoción que xogo no derbi entre Celta B e Pontevedra (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Espiño |
-
Apelación devólvelle os seis puntos ao Racing, que pasa a estar a un do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Pendentes da enfermaría no regreso aos adestramentos
Por Diego Espiño |
-
Repartición de puntos entre Sporting B e Pontevedra (0-0) nun partido eslamiado
Por Redacción |