Cuntis espera unha participación "de nivel" no Campionato de España de Marcha de Promoción
Por Redacción
Con ilusión prepárase Cuntis para acoller, o vindeiro domingo 6 de decembro, o Campionato de España de Marcha de Inverno, nas categorías de promoción (cadete, xuvenil e junior).
Os operarios que traballan na remodelación da pista de atletismo das Canteiras apuran estes os últimos retoques para deixar lista a instalación a tempo, uns preparativos que a nivel organizativo están máis que encamiñados.
Aínda que a inscrición non se pechará ata a próxima semana a organización, a cargo do Atletismo Cuntis e o Concello, espera contar cunha participación "de nivel", ao estar xa confirmados "atletas de nivel nacional e internacional nas categorías xuvenil e junior", explicou José Antonio Pardal na presentación do campionato.
Xunto a el atopábanse o alcalde, Manuel Campos, a concelleira de Deportes, Conchi Campos, e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos.
Paralelamente ao Campionato de España organizarase tamén o Gran Premio Vila de Cuntis, Memorial Josefina Romero, completando a xornada atlética.
En canto ao Nacional, os atletas en idade cadete feminina completarán a distancia de 3.000 metros, mentres o resto de categorías deberán afrontar 5.000 metros de percorrido.
O club local, Atletismo Cuntis, contará cunha importante representación na competición e aspiracións de subir ao podio nalgunhas das categorías.