Frigoríficos do Morrazo Cangas apea o Cisne (29-21) da final da Copa Deputación
Por Redacción
Despois de eliminar ao Teucro en cuartos de final, o Cisne acudía a O Rosal coa esperanza de volver dar a sorpresa nas semifinais da Copa Deputación. En fronte tiña un rival da Liga Asobal, como o Frigoríficos do Morrazo Cangas, ao que obrigou a empregarse a fondo para impoñerse por 29-21, un resultado forxado na segunda parte, especialmente tras a lesión sufrida polo xogador pontevedrés Alberto Casares, que unida á lóxica que impón a diferenza de categoría entre ambos os dous rivais, determinou que os de Cangas se fosen distanciando na marcador a medida que pasaban os minutos.
Os de Milucho Pintos fixeron sufrir ao Cangas no primeiro parcial, conseguindo chegar ao descanso cun curto 13-11 no marcador. Mesmo ao comezo da segunda chegan a poñerse a un só gol, o que obriga Pillo a tocar a rebato aos seus pedindo un oportuno tempo morto, que dá resultado, pois a partir de aí, entre a citada lesión de Alberto Casares e a intensidade, especialmente defensiva, que aplicou o Cangas ás súas accións, servíronlle para irse definitivamente e lograr a clasificación para a final, na que se enfrontarán ao Academia Octavio.
O Cisne, pola súa banda, xogará o partido polo terceiro e cuarto posto fronte ao Mecalia Novás.
FRIGORÍFICOS DO MORRAZO CANGAS (29): Santana, Kevin (p.s.); Serafín Pousada (3), Iván Amarelle (5), Suso Soliño (4), Rubén Soliño (1), Levente (3), Fernando Eijo (1), Kai Feldman, Dani Cerqueira, Adrián Rosales (5), David García (1), Hugo Rodríguez (1) e Adrián Pumar (5).
B.M. CISNE (21): Toño Lafuente, Pablo Galán (p.s.); Iván Abilleira (1), Bruno Montesinos (3), Pablo Domínguez (7), Álex Chan, Martín Iglesias (3), Alberto Casares, Javier Vázquez (3), Edu Covelo (1), Adrián Freiría (2) e Dani Puente (1).
Árbitros: Fernando e Pedro Eiras (Colexio galego). Excluíron por dous minutos a Fernando Eijo, Kai Feldman, Adrián Pumar, Iván Abilleira, Álex Chan e Martín Iglesias.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 7-4, 9-6, 10-8, 12-9, 13-11 (descanso), 14-12, 19-15, 20-15, 23-18, 26-20 e 29-21 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal de O Rosal. Primeira semifinal da Copa Deputación. Unhas 300 persoas.