Kiev, novo rival para Pontevedra na carreira por acoller o Europeo de Piragüismo Maratón 2015
Por Diego Espiño
A Pontevedra saíulle a última hora un duro rival na carreira por ser sede do Campionato de Europa de Piragüismo Maratón 2015. Á cidade eslovena de Lago Bohinj, ata agora única proposta ademais da lerezana, uniuse in extremis a capital de Ucraína, Kiev, cuxa solicitude foi aceptada pola Federación Europea de Piragüismo.
O 26 de xaneiro a Federación Europea examinará en Pontevedra o campo de regatas deseñado no río Lérez
Entre estas tres candidaturas sairá a sede do Europeo, que reunirá a máis de 1.000 deportistas das diferentes seleccións nacionais nas categorías júnior, sénior e veteráns para embarcacións de C-1, C-2, K-1 e K-2. A decisión, segundo o concelleiro de Deportes Agustín Fernández, coñecerase entre o 23 e o 25 de marzo.
Antes, o 26 deste mesmo mes, o presidente do Comité de Maratón da Federación Europea de Piragüismo, Jorn Cronberg, visitará a cidade para supervisar o campo de regatas, un momento clave nas aspiracións de Pontevedra, "seguimos estando esperanzados en que a resolución sexa favorable, cremos que temos o mellor proxecto e ademais somos unha cidade envorcada co piragüismo", recalca Fernández.
A competición, en caso de saír elixida a candidatura de Pontevedra, desenvolveríase nun circuíto de 20 quilómetros deseñado no tramo urbano do río Lérez, arrancando na Ponte dos Tirantes, remontando o río ata a ponte de San Benito de Lérez e dando a volta ata a Ponte do Burgo. Inclúe ademais un porteo nos arredores do Pazo da Cultura.