A resposta muscular dos futbolistas depende da súa posición no campo, segundo o estudo de tres pontevedreses
Por Alejandro Espiño
O desgaste físico do futbolista depende da súa posición no terreo de xogo xa que, entre outros aspectos, este desgaste está directamente relacionado coa súa resposta muscular e esta depende da súa posición no campo. ÿ unha das conclusións dun estudo realizado por tres investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra, Ezequiel Rey, Carlos Lago-Peñas e Joaquín Lago Ballesteros.
O traballo destes tres mozos, naturais de O Grove e Pontevedra respectivamente, levounos a analizar diferentes parámetros de resposta muscular en 78 futbolistas da Primeira División do fútbol español. Todos eles porteiros, defensas, centrocampistas ou dianteiros que levan entre catro e quince anos dedicándose profesionalmente a este deporte.
Un dos músculos estudados foi o recto femoral, que é un dos extensores do xeonllo e pertence ao cuádriceps. Tras analizar os datos, observaron que este "ten diferentes tempos de contracción e relaxación, segundo a posición específica do xogador".
De aí que para poñer en marcha o estudo, publicado xa na revista Journal of Electromyography and Kinesiology, os autores mediran os valores destes tempos cunha técnica desenvolvida na Universidade de Ljubljana (Eslovenia) denominada tensiometría (TMG), que empregan diferentes equipos de Primeira División, entre eles o FC Barcelona.
"ÿ unha ferramenta non invasiva que permite valorar as características contráctiles de músculos superficiais en cuestión de segundos", subliña Ezequiel Rey, que explica que no grupo de investigación empregaran xa esta técnica noutra investigación "en concreto nun estudo que tiña por obxectivo valorar a resposta muscular despois dunha sesión de adestramento".
A este respecto, Rey subliña que a técnica TMG permite "obter información sobre os efectos agudos ou crónicos do adestramento a nivel muscular", o que axuda a "previr lesións, detectar desequilibrios e asimetrías musculares e valorar o estado de fatiga do músculo despois de adestrar", engade o investigador.
Os centrocampistas requiren máis resistencia
"Porteros e centrais deben saltar máis que os laterais e ser máis explosivos que os centrocampistas"
En referencia ás diferentes posicións dos xogadores, os autores do estudo subliñan que o defensa central e o porteiro presentan tempos de contracción no músculo recto anterior menores que os defensores laterais, algo que, ao seu xuízo, se debe a que "tanto os centrais como os porteiros precisan maiores niveis de forza explosiva nos músculos extensores de xeonllo para desenvolver con éxito as accións de salto, como paradas e despexes de cabeza".
Pola súa banda, para ese mesmo músculo, os centrocampistas "manteñen a contracción menos tempo que o resto de xogadores". A explicación a isto é que estes xogadores "requiren máis resistencia para desempeñar o seu traballo no campo".
Outra maneira de dedicarse ao "deporte rei"
O grupo de investigación Hi-20, ao que pertencen estes tres investigadores, creouse na Facultade da Educación e do Deporte no ano 2003 e na actualidade agrupa a máis dunha ducia de investigadores e profesionais dedicados fundamentalmente aos deportes colectivos, especialmente ao fútbol.
Dirixidos polo profesor Carlos Lago Peñas e con Luis Casais e Eduardo Domínguez como investigadores principais, todos os integrantes do grupo manteñen unha estreita relación co mundo do fútbol, estando gran parte dos integrantes ligados a diferentes clubes nos que apoian ou teñen apoiado a súa actividade investigadora ou profesional.