O equipo masculino da Sociedad Gimnástica adxudícase a Copa de Galicia en pista cuberta
Por Redacción
Cunha puntuación moi apertada, avantaxando nun punto e medio o segundo clasificado, o equipo masculino da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, conseguiu a vitoria na Copa de Galicia de pista cuberta, disputada na tarde do sábado no Pazo de Deportes de Riazor, na Coruña.
Os atletas do club que preside Ramón Touza souberon soportar a presión, alzándose cunha vitoria que referenda o galardón de mellor Club de Galicia en 2012, logrado o pasado ano e que lles foi entregado pola Federación Galega, na Gala Anual do Atletismo autonómico.
Seguindo coa filosofía da Xunta Directiva, o equipo que acudiu a terras coruñesas estaba formado integramente por atletas galegos e de Pontevedra. Ademais, polas características de pista cuberta, non formaron parte da competición as probas de lanzamentos longos (disco, xavelina e martelo), un sector onde a Gimnástica sempre suma vitorias, co que ten aínda máis mérito este triunfo nunha competición que volve celebrarse tras vinte anos de ausencia.
Por outra parte ao equipo feminino non o acompañou a sorte. Baixas de última hora ademais dalgunha descualificación, relegaron as rapazas ás últimas posicións.