Volta á actividade para os equipos do Waterpolo Galaico
Por Redacción
O Club Waterpolo Galaico Pontevedra iniciou unha nova tempada, na que espera superar por segundo ano a cifra de 100 xogadores federados nos seus diferentes equipos.
Dende o equipo benxamín ata o absoluto comezaron a traballar cos primeiros adestramentos da tempada, nos que buscan poñerse a punto antes do inicio das competicións oficiais.
Os equipos cadete, xuvenil e absoluto gozaron das súas primeiras sesións na praia de Lourido con traballo en seco e algunhas asuencias, pero o luns, cando inicien a súa preparación en piscina no Club Militar, estará xa a totalidade do plantel.
Precisamente no Club Militar empezaron a súa actividade os infantís, mentres alevíns e benxamíns se estrearon na piscina de Campolongo.
O único grupo que aínda non se iniciou é a escola deportiva, que ten previsto arrancar o día 14 de setembro.