Ex-directivos do Leis crean o Ciudad de Pontevedra Fútbol Sala
Por Diego Espiño
Un novo club deportivo presentouse este xoves en sociedade, o Ciudad Pontevedra Fútbol Sala, e fíxoo arroupado polo resto de entidades deportivas do municipio.
No acto, ademais da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, encontrábanse os presidentes de Teucro, Cisne e Gimnástica e a adestradora do Arxil. Só faltaba nesta relación Lupe Murillo, dirixente do Pontevedra, que segundo os directivos do novo club tamén apoia a iniciativa.
Fano porque detrás do proxecto se encontran caras coñecidas, históricas do deporte pontevedrés como Manuel Piñón, José Guimeráns e Juan Pedro Sanz. Os tres permaneceron ligados ao Leis Pontevedra durante máis de 30 anos, club do que se desvincularon como consecuencia da denuncia presentada por varias xogadoras contra o seu presidente.
Non só os ex-directivos involucráronse no Ciudad de Pontevedra, xa que o máximo responsable deportivo e adestrador do equipo será Jacobo Estors, cesado no Leis durente este e polémico episodio, e no plantel encóntranse as futbolistas apartadas do equipo.
O novo club nace cun equipo sénior feminino que competirá en Liga Autonómica co obxectivo de "ascender, porque se ha configurado un equipo para intentar llegar a Segunda División", explicou Juan Pedro Sanz.
Pola súa banda o presidente do Ciudad de Pontevedra, Manuel Piñón, sinalou que a entidade nace para "seguir peleando por la ciudad y su fútbol sala". A intención é traballar para pouco a pouco "configurar equipos de base" que amplien a estrutura dun club que tamén pensa en competir nas categorías masculinas.
Polo momento, o conxunto sénior feminino é o primeiro en estrearse. Leva dúas semanas adestrando na que será a súa nova casa, o pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe.