Unha ocasión abonda ao Guijuelo (0-1) ante un Pontevedra que remata con dez e merece máis
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Comezo con derrota. Non é o desexado, pero tampouco decepcionou a ninguén. O Pontevedra competiu e mereceu moito máis, pero foi vítima da súa falta de acerto ante o gol e doutra arbitraxe lamentable dun vello coñecido cuxo ascenso e designación para este partido levantou tanta polémica como xustificado temor entre a afección granate.
O Guijuelo lévase os tres puntos coa lei do mínimo esforzo e o seu oficio. Un par de chegadas illadas e un único disparo entre os tres paus déronlle a vitoria, cando os de Luisito dispuxeron ata de media ducia de oportunidades claras para marcar e foron superiores mesmo despois de que o colexiado os deixase cun menos nunha máis que discutible expulsión de Capi.
Boa primeira parte do Pontevedra, que foi crecendo a medida que transcorrían os minutos. Os de Luisito leron ben a saída de balón do Guijuelo, logrando desconectar ao medio centro que intentaba recibir para iniciar as xogadas, dos seus homes de arriba. Deste modo o conxunto local, a partir do cuarto de hora, empezou a manexar mellor o balón, recuperando con rapidez e buscando as bandas, especialmente a esquerda.
Os salmantinos, que comezaron demostrando oficio nas súas accións, especialmente a balón parado, estreláronse contra a ordenada defensa local, na que Campillo, Verdú, e especialmente Capi, estaban moi serios e efectivos.
Sobre o cesped mandaba un equipo e ese era o Pontevedra. Ata dez disparos a porta realizaron os de Luisito por só un os visitantes, en lanzamento moi desviado, máis un balón diagonal que Piojo non soubo definir, ambos os dous nos últimos minutos antes do descanso.
Pero faltou acerto rematador. Jandrín, Capi e Pablo Carnero, este por dúas veces, gozaron das mellores ocasións, especialmente unha na mellor xogada da primeira parte, minuto 29, cando Jacobo mete un gran balón para a chegada polo carril do dez de Álex Fernández. O seu centro remátao case a queimarroupa Pablo Carnero, pero Kike consegue tapar, sacando o remate coa perna e evitando un gol que case se cantaba xa na bancada.
O comezo do segundo tempo pareceu acrecentar a sensación de dominio e control dos granates. O Guijuelo non encontraba o camiño, pero o oficio nun equipo demóstrase en instantes e partidos así. Os salmantinos encontraron por primeira vez o oco na banda. Ángel foise de Adrián e dende a liña de fondo puxo un balón paralelo que Nacho só tivo que empurrar a pracer (minuto 57).
Con ser malo, o golpe transformouse en mazada cando apenas tres minutos máis tarde o controvertido e moi protestado árbitro asturiano César Ramos, ensina a segunda amarela a Capi, deixando o Pontevedra con dez sobre o campo.
Luisito moveu o banco buscando solucións. Retirou a Jandrín para dar entrada a Tubo, e a Jacobo, amoestado, que estaba a ser un dos mellores, posiblemente para protexelo dunha actuación arbitral que veu a facer máis inexplicable (por se xa o era pouco tras o que mostrou ante o Mensaxeiro) o ascenso do trenciña asturiano.
Malia a inferioridade numérica o Pontevedra non lle perdeu a cara ao partido e seguiu buscando a área, aínda que agora a súa vontade tropezaba coa orde defensiva do equipo visitante, que non permitiu alegrías preto de Kike, durmindo o partido e esperando a posibilidade de sentenciar nalgunha contra que tampouco tivo.
O final do partido serviu para que o público despedise o seu equipo con aplausos, malia a derrota, e ao colexiado cunha sonora e xusta apupada, desexando que sexa a segunda e última vez que pise Pasarón.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Adrián, Campillo (Miki, minuto 77), Capi, Verdú; Kevin Presa, Álex Fernández; Jandrín (Tubo, minuto 59), Mouriño, Jacobo (Tomás, minuto 59); e Pablo Carnero.
CD GUIJUELO (1): Kike; Raúl, Jonathan, Chema Antón, Ángel; Javi Rey, Luis Milla (Carlos Ramos, minuto 69); Piojo, Julián Luque (Aitor Aspas, minuto 86), Néstor (Romero, minuto 74); e Nacho.
Árbitro: César Ramos Domínguez (Asturias), auxiliado nas bandas por Israel Bárcena Rodríguez e Nicolás Corujo Morán. Expulsou por dobre amoestación o xogador do Pontevedra, Capi (minuto 57). Amoestou a Campillo, Mouriño e Jacobo, polo Pontevedra, e a Raúl, Kike, Chema Antón, Ángel e Luis Milla, polo Guijuelo.
Goles: (0-1) Minuto 54: Nacho.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.500 espectadores.
Relacionadas:
-
A temperá expulsión de Pablo Carnero condiciona ao Pontevedra que cae (1-0) en Cáceres
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Cáceres, primeira parada para un Pontevedra que busca estrear a súa cuadrícula
Por Ramiro Espiño |
-
Os xogadores do Pontevedra póñense ao día co regulamento
Por Redacción |
-
Jacobo, única ausencia na volta ao traballo do Pontevedra
Por Diego Espiño |