Tubo e Caco non melloran e son seria dúbida para o encontro do domingo
Por Diego Espiño
Novo contratempo para Milo Abelleira. Os problemas físicos de Caco e Tubo poñen en perigo a participación dos dous futbolistas no importante encontro do próximo domingo ante o Rápido de Bouzas en Pasarón.
O capitán granate, que xa xogou con dor ante o Deportivo B, segue a queixarse do seu nocello dereito coa particularidade de que a doencia céntrase na zona de golpeo do balón, e apenas realizou uns minutos de carreira continua na sesión preparatoria deste mércores en Príncipe Felipe. Á marxe tamén adestrou Tubo, cunha distensión muscular que non remitiu. Os dous xogadores, á espera da evolución dos próximos días, convertéronse en seria dúbida para o técnico lerezano, que podería perder a dous dos seus futbolistas titulares.
Si completou a sesión Fran Fandiño, pero as sensacións do centrocampista unha vez máis non invitan ao optimismo. As molestias no pubis seguen sen remitir e esta mesma semana valorará de novo a situación co médico do clube, Alberto Domínguez.
O Rápido de Bouzas, en Copa Federación
A ida dos oitavos de final da Copa Federación espera este xoves ao Rápido de Bouzas, próximo rival do Pontevedra, que viaxa no mesmo día a Burgos para afrontar a ida da eliminatoria. Juan Carlos Andrés despraza a 16 xogadores entre os que se atopan moitos dos habituais titulares. O técnico asegura que esta competición é un reto ilusionante pero non perde de vista a liga, "no podemos perder de vista que el domingo tenemos que visitar nada más y nada menos que Pasarón para medirnos al Pontevedra y jugarnos tres puntos importantísimos".