A Gimnástica opta a organización da primeira xornada da División de Honra
Por Diego Espiño
A Federación Española de Atletismo adxudicará os grupos e sedes da primeira xornada da División de Honra de Atletismo na Asemblea do próximo día 19 de xaneiro, e alí a Sociedad Gimnástica optará a ser un dos anfitrións da primeira cita do ano na máxima categoría nacional.
Non o terá sinxelo o clube pontevedrés. A primeira xornada, a tenor dos criterios de proximidade xeográfica, podería emparexar á Gimnástica co Marathon Madrid, Universidad Oviedo e Caja Burgos, e a preferencia da Federación adoita ser buscar o lugar máis asequible económicamente para os equipos, como recoñece Juan Romero, "se suele buscar el punto más cercano para todos y en este caso sería Oviedo o Burgos, pero ahora, aprovechando además que estamos en la Comisión de Clubes, vamos a luchar para que sea en Pontevedra".
Si a Gimnástica, quinta no ránking nacional, alcanzase o cuarto posto no estadillo de marcas, sería cabeza de serie e adxudicaríaselle directamente a organización da primeira xornada, fixada para o 27 de abril. Sexa cal for a sede os pontevedreses intentarán loitar polos dous primeiros postos para intentar meterse na pelexa polo título e esquecerse canto antes do descenso. O principal obxectivo, un ano máis, segue a ser a permanencia, "si consigues meterte en la pelea por el título te olvidas de agobios porque el atletismo es muy traicionero, tienes un fallo o una descalificación inoportuna y cambia mucho la historia".
A Sociedad Gimnástica estará na Comisión de Clubes da RFEA
Malia non estar entre os elixidos para formar parte da Comisión de Clubes, a Gimnástica foi invitada a participar con voz pero sen voto neste órgano, sumando así un novo cargo dentro da Federación Española tras ser elixida como representante dos clubes na Comisión Delegada e entrar a formar parte da nova Xunta Directiva encabezada por José María Odriozola.