Baltar goza con dúas espectaculares xornadas de balonmán praia
Por Diego Torrado
Nin o día gris vivido o domingo conseguiu deslucir a XVII edición do Torneo de Balonmán Praia de Sanxenxo, que se disputou durante toda a fin de semana na praia de Baltar.
O sábado, cun caloroso día de verán, disputáronse as fase previas da competición, mentres na tarde do domingo se xogaron os partidos decisivos, sempre caracterizados pola espectacularidade desta modalidade deportiva.
Como cada ano na area púidose ver en acción a algúns dos mellores xogadores do balonmán galego, que aproveitan o período de vacacións para manter a forma.
É o caso dos teucristas David Chapela, Edu Moledo ou Víctor Rodríguez, xogador que ademais acudiu recentemente a unha concentración da selección española de balonmán praia. Tamén participaron os xogadores do Cangas Adrián Rosales e Rubén Soliño, o cineísta Carlos Pombo ou Andrés Sánchez, entre outros, ao igual que Cecilia Cacheda, Carla Rivas, Iris Sanjuan e Marta Seijo, do BM Porriño de División de Honra.
O equiopo vencedor do torneo foi Painkillers, que gañou na final a PTV.