Alexis Viéitez e José Antonio Iglesias, triunfadores dunha emocionante Subida Cidade de Pontevedra
Emocionante ata o final. Así foi a décimo oitava edición da subida automobilística Cidade de Pontevedra que, como vén sendo habitual, atraeu o interese de miles de persoas ao longo da fin de semana. Todas elas foron testemuñas do triunfo do piloto Alexis Viéitez na categoría de non carrozados e de José Antonio Iglesias entre os carrozados. Ambos os dous dominaron a proba de principio a fin.
Alexis Viéitez (Gonzasport Competición) logrou a vitoria tras marcar o mellor tempo nas catro mangas disputadas -só puntuaba a mellor de cada un dos dous días de competición-. No seu caso, a bordo do seu Fórmula Outeda sumou 4 minutos e 5 segundos. Aínda así, apenas catro segundos separaron os tres primeiros.
O pontevedrés tivo que empregarse a fondo para superar ao Silver Car S-2 de Jacobo Sobral e ao BRC 05 EVO de Martín Villar, segundo e terceiro respectivamente. Entre estes dous, tan só houbo unha diferenza de seis décimas de segundo a favor do actual campión galego que, nesta Subida Cidade de Pontevedra, logrou repetir o resultado logrado o pasado ano.
Pola súa banda, José Antonio Iglesias (Equipo Iglesias Competición) foi o gañador da súa categoría, grazas ao bo rendemento que ofreceu o seu Mitsubishi Evo. As súas dúas mellores mangas sumaron un tempo de 4:33.497. Foi tres segundos máis rápido que o segundo clasificado, Manuel Senra, que competiu a bordo do seu Peugeot Maxi 306. Completou o podio o BMW M3 E30 de Víctor Magariños, que quedou a 4,6 segundos do gañador.
Nesta categoría debutou por fin o Audi TT DTM do piloto local Santi Abad, pero problemas técnicos co coche obrigárono a abandonar tras as dúas primeiras mangas e non competir na xornada do domingo. O sábado finalizara segundo, a 1,5 segundos de Iglesias.
O bo tempo animou a que a proba se celebrase no medio dun grande ambiente. Pero, sen dúbida, ao espectáculo deportivo axudou o cambio de percorrido que decidiu estrear a organización este ano. A saída produciuse en Pintos (Marcón) pero uns 400 metros máis arriba do habitual, un tramo que se engadiu en meta, chegando ata o polígono da Reigosa (Ponte Caldelas).
Tamén moitos curiosos se achegaron ata a céntrica Praza de España de Pontevedra onde, un ano máis, volveu instalarse o parque pechado da competición coas verificacións no peirao das Corbaceiras.
Relacionadas:
-
Medio cento de pilotos, a pola vitoria na Subida Cidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A Subida á Escusa queda 'na casa': triunfo de Alexis Viéitez e segunda praza para Jacobo Sobral
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
A Subida Cidade de Pontevedra afronta a súa maioría de idade con lixeiros cambios no percorrido
Por Diego Espiño |