Feijóo homenaxea polo ascenso a un Pontevedra "que lle cae ben a todo o mundo"
Por Diego Espiño
O presidente da Xunta de Galicia puxo o broche á tempada do Pontevedra Club de Fútbol cunha recepción oficial ao equipo no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, tras confirmar o seu ascenso a Segunda B.
Xogadores, corpo técnico e membros do Consello de Administración, coa presidenta Lupe Murillo á cabeza, recibiron a felicitación do dirixente autonómico, que os foi saudando un a un.
Feijóo sinalou na súa intervención que "Pontevedra volve a ser un equipo como merece a cidade" e que "para Galicia é unha sorte volver ver ao Pontevedra nos campos de fútbol de maior categoría".
O mandatario galego acordouse da historia do club e do Hai Que Roelo para sinalar a humildade como unha das claves para o futuro da entidade, unha calidade que simbolizaba Cholo "conducindo un trolebús", argumentou.
Alberto Núñez Feijóo: "Para Galicia é unha sorte volver a ver ao Pontevedra nos campos de fútbol de maior categoría"
Ademais o presidente da Xunta comentou que "estou convencido que todos aquí queremos o mesmo, consolidar ao Pontevedra na Segunda B e aspirar sen dúbida a seguir ascendendo de categoría".
Antes de concluír o seu discurso, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu non recordar "se algunha vez neste recinto tivemos tantos homes en pantalón curto", un detalle distendido que relacionou como unha das razóns polas que o Pontevedra "é un equipo que lle cae ben a todo o mundo".
Por último Feijóo, que recibiu unha camiseta do club de mans de Lupe Murillo, dirixiuse á presidenta granate para indicar que "me gustaría verte pronto outra vez, sería unha sinal de éxito".
Con este acto o plantel inicia unhas merecidas vacacións de algo máis de 20 días antes de iniciar a pretempada.
O ÁRBITRO DO PONTEVEDRA-MENSAJERO, ASCENDIDO
Antes da recepción oficial da Xunta un dos temas de conversación foi a confirmación do ascenso de categoría, a Segunda B, do colexiado que dirixiu o polémico encontro entre Pontevedra e Mensaxeiro en Pasarón, no que os granates caeron nos penaltis.
O Comité Técnico de Árbitros incluiu ao asturiano César Ramos Domínguez na lista de ascendidos unha vez concluída a tempada.
Relacionadas:
-
Lupe Murillo reelixida por unanimidade presidenta do consello de administración do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
O Guijuelo, primeiro rival do Pontevedra no seu regreso á Segunda División B
Por Alejandro Espiño |
-
Ratifican a composición dos grupos de Segunda B: o Pontevedra xogará contra os navarros
Por Alejandro Espiño |
-
Ás voltas coa composición do Grupo I da Segunda B
Por Redacción |
-
Acordo con Luisito para prorrogar o seu contrato por unha tempada
Por Redacción |
-
O núcleo duro do equipo, con contrato en vigor
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
A Pedreira despide as celebracións do ascenso do Pontevedra coa recepción do Concello
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
Segue a festa do ascenso cunha recepción na Deputación e a foto oficial da tempada
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Luisito gaña a renovación e seguirá adestrando ao Pontevedra en Segunda B
Por Diego Espiño |