Saleta Castro finaliza na sétima praza o Ironman de Lanzarote
Por Diego Espiño
Foi unha dura carreira para Saleta Castro, na que a pontevedresa tivo que espremerse como nunca para chegar a liña de meta nunha meritoria posición.
Saleta foi sétima clasificada na categoría feminina do Ironman de Lanzarote, unha proba de dureza extrema con 3,8 quilómetros de natación, 180 de ciclismo e un maratón final.
O forte vento co que amenceu a illa canaria, unido á calor, endureceu aínda máis a proba, como reflicte que o tempo final da triatleta galega foi case 40 minutos superior ao de 2014, cando foi quinta, finalizando nesta ocasión cun rexistro de 10 horas, 52 minutos e 23 segundos.
A pontevedresa comezou moi ben o tramo de natación, do que saíu na segunda praza tras 53 minutos e 42 segundos.
Non obstante no ciclismo caeu ata o quinto lugar completando o segmento en 6:09:27, unha caída que se agudizou un pouco máis nos 42 quilómetros de carreira a pé, segmento que Saleta realizou en 3:41:01.
A gañadora en categoría profesional feminina foi a alemá Diana Riesler (9:56:03), acompañada no podio por Michi Herlbauer (10:13:49) e Carolinae Livesey (10:31:56).
Pola súa banda o gañador masculino foi o italiano Alessandro Degasperi (8:56:49).