A Escusa, Lago de Castiñeiras e A Fracha: nace a marcha cicloturística 'Los Puertos Classic'
Por Diego Espiño
Intentouse o pasado ano organizar unha ruta similar pero non foi posible. Agora, á segunda nace unha nova marcha cicloturística nas estradas da bisbarra baixo o nome de Los Puertos Classic.
Pontevedra será punto de partida e tamén chegada dunha marcha popular de 105 quilómetros de percorrido con ascensións aos altos da Escusa, Lago de Castiñeiras e A Fracha.
O día escollido é o sábado 6 de xuño, co aliciente engadido de afrontar ademais un tramo de terra polo Camiño de Santiago á altura de Barro e dous de pavé, en Poio e no Lago de Castiñeiras.
Los Puertos Classic partirá ás 10:30 horas da praza da Peregrina para dirixirse, de xeito neutralizada dirección Barro, Campañó e Poio.
A ascensión á Escusa realizarase de xeito libre, neutralizándose de novo o pelotón por Samieira, Combarro, Pontevedra e Marín ata a subida a Castiñeiras, momento no que a ruta será libre ata a liña de meta.
As inscricións poden formalizarse a través de www.cronotec.es ata o día 3 de xuño a un prezo de 15 euros para os ciclistas federados e de 20 para os non federados.
Despois da proba a organización, a cargo da empresa GestSportGalicia, Concello de Pontevedra e Pena Ciclista Rías Baixas, ten preperado unha serie de actividades para todos os participantes.
Na presentación do evento, realizada no palco da Alameda en recordo do antigo criterium Virxe Peregrina, anunciouse ademais que o padriño da marcha será o ex-ciclista Abraham Olano.