Milo Abelleira, despedido do Pontevedra CF: enterouse a través dun SMS da Seguridade Social
Por Diego Espiño
Milo Abelleira deixou de ser o coordinador da base do Pontevedra Club de Fútbol.
O ex-adestrador e director deportivo, que asumira esas novas funcións tras a chegada de Lupe Murillo á presidencia, foi despedido poucos días antes do inicio do play-off de ascenso.
Abelleira negociaba dende principio de mes a rescisión do seu contrato, sen que se tivese chegado a un acordo. Non obstante, no medio da negociación e por sorpresa, recibiu na mañá deste mércores unha mensaxe SMS da Seguridade Social informándolle que o club tramitara a súa baixa laboral. Ao que se suma que o teléfono móbil que usaba a cargo do Pontevedra deixou de estar operativo.
O Pontevedra realizou os trámites pertinentes a pasada semana, aínda que oficialmente Milo gozaría dos días de vacacións pendentes antes de extinguirse por completo a relación laboral.
Esta medida, segundo confirmou o implicado a PontevedraViva, teríase tomado de xeito unilateral e sen acordo, aínda que o ex-adestrador non quixo entrar en detalles nin explicar como actuará ante a decisión tomada polo club.
Dáse a circunstancia que Milo Abelleira tiña incluída unha cláusula no seu contrato que fixaba a prórroga deste por un ano en caso de ascenso do primeiro equipo, posibilidade que se pode materializar nas próximas semanas.
Relacionadas:
-
Sen acordo entre o Pontevedra e Milo Abelleira no segundo dos xuízos polo seu despedimento
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra recoñece o despedimento improcedente de Milo Abelleira e pacta a súa indemnización
Por Diego Espiño |
-
Pedro Ferreira negocia co Pontevedra para ser o substituto de Milo como coordinador da base
Por Ramiro Espiño |