O Peixegalego cae en Alicante nos últimos segundos (66-64) e despídese do play-off
Por Redacción
Dolorosa derrota do Peixegalego ante o Lucentum de Alicante no terceiro e definitivo partido da primeira eliminatoria do play-off (66-64).
Tras empatar a serie o pasado sábado na Raña os de Marín plantáronse sen complexos no Centro de Tecnificación de Alicante coa intención de eliminar un dos favoritos ao ascenso, e a punto estiveron de conseguilo.
Fixérono cunha fe a proba de bombas, e é que os locais saíron co rolo para intentar decidir o choque canto antes.
Froito dese pulo inicial o Lucentum dominou con claridade o primeiro cuarto (22-14) e disparouse ata unha renda de 20 puntos (39-19) ao inicio do segundo.
Foi entón cando os de Javi Llorente empezaron a entrar en calor para ir reducindo a distancia.
Ao descanso a desvantaxe era de 10 puntos (44-34) e ao inicio do terceiro acto continuou minguando cunha gran defensa 'peixe'.
A remontada culminouna o conxunto de Marín mediado o último cuarto, dando paso a un final de infarto no que rematou decidindo o acerto local dende a liña de tres.
A falta de minuto e medio o Peixegalego dominaba por tres (59-62), pero unha tripla de Xavi Hernández primeiro e outra de Guillén despois, con só 19 segundos por xogar sentenzaron a eliminatoria en favor do Lucentum.
LUCENTUM ALICANTE (66): Fuentes (1), Javier Marín (2), Guillén (11), Samu Domínguez (15), Pardina (7) -cinco inicial- José Luis González (3), Navajas (8), Xavi Hernández (14), Bitjaa (5).
MARÍN PEIXEGALEGO (64): Manu Ferreiro (4), Rogers (16), Azotam (21), Javier Medori (2), Blair (10) -cinco inicial- Izquierdo, Gregorio Adón (7), Al Rapier, Norman Rey (4).
Árbitros: García León e Pinela García. Eliminaron por faltas a Ike Azotam no Peixegalego.
Parciais: 22-14, 22-20 (44-34), 10-14 (54-48), 12-16 (66-64).
Incidencias: Partido disputado no Centro de Tecnificación de Alicante.