Gómez Noya, Támara Echegoyen e Bea Gómez, entre os subvencionados polo Plan ADO
Por Redacción
A Asociación de Deportes Olímpicos, formada polo Comité Olímpico Español, Consello Superior de Deportes e Radiotelevisión Española, fixo pública a lista de deportistas beneficiarios durante 2015 dunha das bolsas do Plan ADO para preparar os Xogos Olímpicos de Río 2016.
Entre as 176 bolsas publicadas, dun número total de 363 previstas no plan antes da cita olímpica, encóntranse varios deportistas pontevedreses.
ADO non revelou nesta coasión as contías de cada unha das bolsas, aínda que se manteñen os importes con respecto ao pasado ciclo olímpico.
Si transcendeu a lista dos beneficiarios da máxima axuda de 60.000 euros, entre os que se encontra o triatleta Javier Gómez Noya, aínda que a deportistas que recibirá unha cantidade máis elevada será a nadadora Mireia Belmonte (88.700 euros) debido ao plus por resultados deportivos.
Outras nadadora, a pontevedresa Bea Gómez, foi incluída no listado para buscar a clasificación para os que serían os seus segundos Xogos.
Tamén figuran a regatista Támara Echegoyen, campioa en Londres 2012, a taekwondista caldense Lúa Piñeiro ou os tamén regatistas de Vilagarcía Carlos e Antón Paz.
Outros galegos incluídos no Plan ADO para o ano 2015 son os piragüistas Teresa Portela, Ana Varela, Cristian Toro, Rodrigo Germade, Óscar Carrera e Carlos Arévalo; os remeiros Jesús González e Óscar Alonso e a maratoniana Alessandra Aguilar.
O Plan ADO, financiado con fondos de empresas patrocinadoras, conta cun presuposto de 8,9 millóns de euros para o presente ano.