Ribadumia presenta a cuarta edición da BTTinto pensando en superar os 2.600 inscritos de 2014
Por Redacción
Superar os 2.600 inscritos de 2014. Con ese obxectivo presentouse este luns a cuarta edición da Ruta BTTinto, organizada polo Concello de Ribadumia en colaboración do Club Ciclista Salnés, CDM Xesteiras, Salnés Bici e Armenteiraepunto.
A cifra final do pasado ano foi lixeiramente inferior debido á chuvia caída nos días previos, pero serviu para confirmar no calendario a unha proba que se converteu nunha das máis concorridas de Galicia.
Nesta ocasión a BTTinto disputarase o domingo 7 de xuño, coincidindo de novo coa Festa do Viño Tinto de Barrantes, con saída ás 9:30 horas dende a Praza do Concello.
Trátase dunha carreira de dificultade media-alta debido a un percorrido que contará con dúas opcións, de 49 ou de 35 quilómetros.
Ademais poderase participar nunha andaina de 20 quilómetros, un trail da mesma distancia e unha proba combinada con 35 quilómetros de BTT e 20 de carreira a pé.
A cuarta edición da BTTinto está apadriñada polo ex-ciclista profesional Fernando Escartín, presente na presentación do evento xunto á alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, ou o director xeneral de Unipublic, Javier Guillén.
As inscricións, que volven ser de balde, poden formalizarse a través da páxina web www.ribadumia.org.