Okutu clasifícase para a final de lonxitude no Europeo de Pista Cuberta
Por Diego Espiño
Obxectivo cumprido para Jean Marie Okutu no arranque do Campionato de Europa de Atletismo en Pista Cuberta que se está a celebrar en Praga.
O atleta marinense meteuse na final do salto de lonxitude tras unha cualificación moi aberta. Fíxoo grazas ao seu terceiro e último salto, no que logrou unha marca de 7.86 metros, a quinta mellor de todos os participantes.
Okutu comezou a competición cun discreto salto de 7.44 metros, mellorando no segundo cun 7.77 que o tivese deixado fóra da final por moi pouco.
Ningún dos 24 atletas participantes superou a barreira dos 8 metros, que supoñía a clasificación directa, sendo a mellor marca a do sueco Michel Tornéus (7.97).
A sorpresa da xornada deuna o gran favorito en lonxitude, o francés Kafétien Gomis, que ostenta a mellor marca europea do ano (8.18 metros) pero que non pasou dos 7.65.
A súa ausencia, xunto ás baixas doutros favoritos como o español Eusebio Cáceres ou o británico Greg Rutherford, abren as posibilidades de podio para Okutu e os outros sete participantes dunha final que se celebrará este venres a partir das 17:55 horas no pavillón O2 de Praga, aínda que para aspirar a iso o marinense deberá situarse nas súas mellores marcas.
Relacionadas:
-
Meritorio quinto posto de Jean Marie Okutu no Europeo de atletismo en pista cuberta
Por Redacción |
-
Okutu revalida o seu título nacional de lonxitude baixo teito e logra a mínima para o Campionato de Europa
Por Redacción |
-
Jean Marie Okutu afronta unha nova tempada cun só obxectivo en mente: "Quiero ir al Mundial como sea"
Por Diego Espiño |