Vacacións merecidas para un Teucro que quere máis
Por Diego Espiño
A especial tempada que se está a vivir na División de Honra Prata do balonmán nacional, con só un descenso e outra praza de promoción para un total de 12 equipos, fai que o principal obxectivo da Sociedade Deportiva Teucro, a permanencia na categoría, estea practicamente asegurada a metade de liga.
O equipo pontevedrés suma 10 puntos logo dunha gran primeira volta baseada na fortaleza como local, onde gañou catro encontros cedendo soamente ante un dos favoritos, o Gijón Jovellanos. O descenso directo queda xa a 9 puntos e a promoción de descenso a 7, un bo balance segundo o capitán Toño Fernández, "estivemos sempre con xente tocada e a pesar diso conseguimos facer bastantes puntos, máis co ano pasado. Esperemos que na segunda volta poidamos lograr bastantes máis".
Co Mundial de balonmán atrasando a volta á competición ata o 2 de febreiro, é tempo para recuperar aos xogadores que arrastran lesións e molestias dende hai semanas e ata, como no caso de Toño, dende o inicio da tempada, "é o que pasa por forzar pero agora hai tempo para recuperar ben".
A só dous puntos dos postos que dan acceso a pelexar o ascenso á Liga Asobal, o Teucro pode permitirse o luxo de pensar en retos máis ambiciosos, "claro que nos faría ilusión xogar a fase de ascenso pero temos que ser obxectivos porque a tempada é moi difícil e hai moi bos equipos para estar aí arriba. Para nós ese sería o mellor premio despois de todo o que estamos a pasar".
Javier Barrios deu vacacións aos seus xogadores ata o 3 de xaneiro, data na que o equipo azul comezará unha pequena pretemporada que garanta chegar ao comezo da segunda volta en óptimas condicións.