Máis inverno que nunca no Campionato Galego de piragüismo
Por Redacción
Intensa xornada de competición a celebrada este sábado na pista olímpica do encoro de Pontillón do Castro.
Máis de 600 padexeiros desafiaron ao clima no Campionato Galego de Inverno, baixo a distancia de 5.000 metros, na que é a primeira competición oficial da tempada.
En canoa, Diego Romero (Breogán do Grove) impúxose ao seu compañeiro de equipo Tono Campos na categoría de C-1, con Brais Casas (Kaiak Tudense) na terceira praza.
Nesa mesma disciplina, en categoría feminina, dominou o Ciudad de Pontevedra por medio de Raquel Rodríguez, seguida de Jennifer Casal. Completou o podio Cristina Noya (Rianxo).
En kaiak masculino os claros dominadores foron os piragüistas do Kayak Tudense, copando os sete primeiros postos nunha disciplina na que se impuxo Rubén Millán por diante de Iván Alonso e Diego Piña.
Pola súa banda, Teresa Portela (Mar Ría de Aldán) volveu á competición logrando o título galego no K-1 con Natalia García (Breogán) segunda e Carla Pérez (Kaiak Tudense) terceira.
Con respecto á competición xuvenil, Iago Monteagudo (Naval de Pontevedra) foi ouro en K-1 e Álex Bernárdez (Piragüismo Poio) en C-1, ao igual que Raquel Dacosta (Pontecesures) e Paula Castro (Rías Baixas).
Luis Rodríguez (Portonovo) e Carolina García (Ciudad de Pontevedra) en K-1 e David Barreiro (Rodeira) e Antía Jacome, en C-1, foron os que gañaron na categoría cadete.
O campionato serviu ademais de homenaxe para Eduardo Sousa, persoa ligada ao piragüismo como padexeiro, directivo e adestrador e que faleceu recentemente.