Pablo Galán convértese nun muro e o Cisne pasa por enriba (31-19) de Embutidos Lalinense
Por Ramiro Espiño
Cando un equipo consegue que o seu rival non lle faga máis que 6 goles nos 30 primeiros minutos de partido sobra calquera comentario. A defensa do Cisne na primeira parte rozou a perfección, pero a actuación do seu porteiro, Pablo Galán, foi sinxelamente para enmarcar. O meta local construíu un muro infranqueable para os lanzadores lalinenses diante do seu portal e aos de Edín Covelo abondoulles a primeira parte para sentenciar o partido ante un sempre complicado e correúdo rival.
Embutidos Lalinense non soubo parar en ningún momento aos locais, aos que unicamente os erros en varios contraataques impediron obter unha maior renda no descanso que ese de por si claro 13-6 con que os equipos marcharon a vestiarios.
Iso si, como querendo darlle emoción, o Cisne non empezou a carburar a tope ata pasados os dez primeiros minutos. Nese momento o conxunto visitante conseguiu poñerse por primeira e única vez en vantaxe (3-4). Edín Covelo dixo basta. Pediu tempo morto e os seus homes volveron á pista facendo pagar cara a "ousadía" do rival. Un parcial de 6-0 e o comezo do recital de Pablo Galán decantaron inmediatamente a balanza.
Logo abondaron os 10 primeiros minutos do segundo tempo para endosar ao Lalín un novo parcial de 7-2 e rematar de resolver o partido (20-8). Embutidos Lalinense fixera só 8 goles en 40 minutos de xogo. O resto foi tempo para gozar sen angustias, permitindo un intercambio de goles final que aproveitaron os visitantes para maquillar lixeiramente as cifras.
BM CISNE (31): Pablo Galán, Toño Lafuente, Santiago Cuenca; Iván Abilleira, Pepe Camiña (2), Álex Chan (2), Edu Covelo (3), Rafa Dasilva (4), Bruno Montesinos (1), Pablo Picallo (9), Pablo Rey (3), Carlos Rodríguez (1), Andrés Sánchez (3), Miguel Simón, Javi Vázquez (2) e Pablo Vidal (1).
EMBUTIDOS LALINENSE (19): Alberto Mouriño, Carlos Durán; Cortés (1), Adrián Crespo, Pachi Dacosta (2), David Fernández (3), Bruno Fernández (1), Ramón Gil (1), Iago González, Xosé Manoel Hermida (2), Martín (1), Lázara (1), Rubén Martínez (1), Aser Pereira (2) e Miguel Porto (4).
Árbitros: Mario Menchen Pérez e Pedro Villar Llanes (Andalucía). Excluíron por dous minutos a Carlos Rodríguez, Andrés Sánchez e Miguel Simón, polos locais, e a Adrián Crespo e Aser Pereira (2), polos visitantes.
Marcador (cada cinco minutos): 2-1, 3-3, 7-4, 8-4, 11-5, 13-6 (descanso), 17-8, 20-8, 22-11, 24-13, 28-15 e 31-19 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 150 espectadores.
Relacionadas:
-
Paso de xigante do Cisne ao impoñerse con moitos apuros (29-28) ao BM Chapela
Por Ramiro Espiño |
-
O Atlético Novás apraza o alirón do Cisne (30-27) nun intenso partido
Por Redacción |
-
Sen necesidade de forzar o Cisne propina un severo correctivo (27-39) ao Poio Artai
Por Redacción |
-
Xogando a medio gas o Cisne supera claramente (39-29) ao Lavadores
Por Ramiro Espiño |