Os socios do Villalonga deciden que o seu equipo non se presente en Pasarón
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Finalmente o Villalonga non se presentará nas portas de Pasarón como anunciara, en sinal de protesta polo aprazamento decretado pola xuíza única de competición da Federación Galega de fútbol do partido que debía enfrontar ao seu equipo e ao Pontevedra na tarde do domingo.
A decisión foi adoptada a mediodía do mesmo domingo, horas antes da prevista para a viaxe, na asemblea de socios do club celeste.
O presidente José Miniño, que anunciara que o seu equipo estaría nas portas do estadio ás 15.30 horas, indicaba a PontevedraViva os motivos do seu cambio de decisión: "Non imos ir. Sería facer o parvo. Ás cousas saíronlle ben ao Pontevedra que tivo moita sorte ao estar a chover outra vez. Para que imos ir, para que nos abran ás portas e encontrarnos co campo inundado?".
Aínda así, o enfado do Villalonga non remitiu: "Seguimos dicindo que ou que non nos parece lóxico é que se suspenda ou partido 48 horas antes e sen falar connosco. Os das aldeas sempre saímos perdendo, pero había que suspendelo que fose ou árbitro ao chegar ao campo".
O presidente do Villalonga non descarta algún tipo de medida para facer valer os dereitos do seu club que entende foi gravamente prexudicado.
Así estaba Pasarón pasado o mediodía do domingo
PontevedraViva quixo comprobar "in situ" como se encontraba Pasarón ao mediodía do domingo, especialmente despois da tromba de auga caída arredor das 12.00 horas. O resultado poderano ver os nosos lectores na galería de fotos que achegamos, que evidencian un campo impracticable nese momento.
Se ben a cantidade de auga acumulada era importante, ao cesar a chuvia boa parte era absorbida polo sistema de drenaxe. Iso si, a situación vivida pon de manifesto outra importante deficiencia construtiva nun estadio novo, como é a falta dun caneiro con arqueta de desaugadoiro na banda de tribuna que permita a evacuación de pluviais impedindo os charcos por acumulación de auga.