Club Voleibol Pontevedra, 30 anos dando guerra
Por Diego Torrado
Trinta anos non se cumpren todos os días, e por iso o Club Voleibol Pontevedra prepara unha serie de actos para celebrar toda unha vida dedicada ao deporte.
A primeira desas xornadas festivas viviuse o pasado sábado cun intenso día de competición que se completou cunha foto de familia e pousados de todos os equipos do club.
Ademais sorteouse unha cesta de produtos galegos entre os asistentes aos encontros dos equipos masculino e feminino que militan na Segunda División A, na súa fase autonómica.
As rapazas deron a gran noticia do día ao impoñerse con claridade o Emevé de Lugo por tres sets a un e consolidar así a súa segunda praza na clasificación.
As pontevedresas dominaron con claridade a primeira manga (25-12) e malia ceder na segunda (20-25) repuxéronse para pechar o partido (25-17 e 25-22).
A nota negativa púxoa o equipo masculino, que caeu na casa por un set a tres ante o mesmo rival, o Emevé, tras gañar a primeira manga (27-25) e ceder nas tres restantes (21-25, 22-25, 22-25).
Os rapaces descansarán a próxima fin de semana, mentres o conxunto feminino se desprazará ata A Coruña para enfrontarse ao Calasancias.