Arrinca o tríatlon para adultos en Poio
Por Diego Espiño
A Escola de Tríatlon Sénior é xa unha realidade en Poio. A iniciativa, promovida polo Concello a través das súas escolas deportivas, pretende iniciar no tríatlon e o dúatlon a todos aqueles afeccionados ao deporte que queren coñecer estas especialidades.
Os adestramentos, dirixidos polos triatletas Alba Cuba e Pablo Dapena, desenvólvense cada sábado ás 16:00 horas na zona da Reiboa con prácticas de ciclismo e atletismo. O segmento de natación comezará máis adiante.
Ata o momento inscribíronse 13 persoas, non sendo obrigatorio residir en Poio, pero a intención é aumentar esa cifra para lograr consolidar a actividade.
Todos os interesados en participar poden solicitar información a través do correo electrónico poiotriatlon@gmail.com ou no teléfono 699 938 623.