A defensa fai líder en solitario a un gran Cisne (28-23) ao impoñerse ao Seis do Nadal
Por Ramiro Espiño
Intensidade defensiva e velocidade nas accións. Foron as armas dun gran Cisne para impoñerse no duelo de "gallitos" e quedarse coa primeira praza en solitario tras derrotar o Seis do Nadal e desbancalo do liderado, nun partido trepidante.
O conxunto vigués demostrou a razón da súa excelente marcha ligueira, pero encontrouse quizais co único ou un dos poucos equipos da categoría que pode correr tanto ou máis que el, como é o Cisne, pero que ademais o supera en envergadura física. E esas foron as claves, unidas a unha defensa que rozou a perfección no primeiro tempo e que soubo recuperar a intensidade cando o equipo máis o necesitaba ante o intento de remontada dos visitantes.
Os de Edín Covelo realizaron uns primeiros 30 minutos sensacionais, anulando as moitas virtudes do seu rival a base dunha defensa que nin sequera acusou o maior número de exclusións sufridas. Rápidos nas axudas, agresivos nos bloqueos e acertados en ataque, o Cisne deu un primeiro estirón mediado o primeiro tempo, cun parcial de 8-1 que o fixo pasar do 5-6, no que sería última vantaxe visitante, ao 13-7 (minuto 24).
Na segunda parte o Cisne lograría a súa máxima vantaxe (sete goles) en dúas ocasións, mesmo con balón para poñerse oito arriba, pero xurdiron as precipitacións e os visitantes aproveitaron un pequeno baixón defensivo, con algúns despistes na marcaxe sobre o pivote vigués, para meterse no partido e situarse tan só a dous goles (21-19) a falta de dez minutos.
Aí apareceu a figura dun inmenso unha vez máis Toño Lafuente para facerse grande aos ollos dos lanzadores rivais. O Cisne volveu defender, recuperou terreo e rematou gañando con autoridade e xustiza.
BM CISNE (28): Pablo Galán, Toño Lafuente, Santiago Cuenca; Iván Abilleira, Pepe Camiña, Álex Chan (7), Edu Covelo (3), Rafa Dasilva (3), Hermida, Pablo Picallo, Pablo Rey (2), Carlos Rodríguez (1), Andrés Sánchez (5), Miguel Simón, Javi Vázquez (2),y Pablo Vidal (5).
MAGOPE SEIS DOMINGO NADAL COIA (23): Pablo Chantada, Tizón; Abraham (1), David Costa (2), Denís (1), Pablo García (7), Giráldez, Pedro Iglesias, Leirós (1), Iván López, Alexandre López (2), Novoa, Rial (8), Marcos Treinta e Freijeiro (1).
Árbitros: José Domingo Vega Gemio e Arturo Gutiérrez Salguero (Extremadura). Excluíron por dous minutos a Edu Covelo, Rafa Dasilva, Pablo Rey, Carlos Rodríguez (2), Javi Vázquez e Pablo Vidal (2), polo Cisne, e a Abraham, Denís e Novoa, polo Seis do Nadal.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 4-5, 6-6, 10-7, 13-8, 15-9 (descanso), 17-11, 18-12, 20-16, 21-18, 25-22 e 28-23 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 400 espectadores, con nutrida presenza de seguidores visitantes.
Relacionadas:
-
Sofre pero gaña o Cisne ao Luceros (27-31) da man dun grande Andrés Sánchez
Por Redacción |
-
Vitoria do Cisne ante o Academia Octavio no Memorial Manuel Luaces
Por Redacción |
-
Non ten piedade o Cisne (20-37) dun Artabro que se rende pronto
Por Redacción |
-
O Cisne leva na segunda parte un disputado derbi (29-26) ante o BM Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Á venda as tarxetas para a cea do 50 aniversario do Cisne
Por Ramiro Espiño |