Logo da goleada, descanso
Por Diego Espiño
Logo dunha derrota avultada e dolorosa como a sufrida en Ferrol, e a pesar do esforzo dos xogadores dando unha boa imaxe nos primeiros 45 minutos, calquera afeccionado granate podería pensar nunha dura semana de traballo do seu equipo en busca de corrixir erros. Este pensamento é o imaxinable ante a escasa marxe de erro do que goza o Pontevedra tras un inicio de liga irregular. En lugar diso o corpo técnico optou por dar dous días de descanso a uns futbolistas que, este ano, deben compaxinar a súa actividade deportiva con outras ocupacións. O día posterior ao partido, o domingo, non se programou sesión algunha, un descanso que esta semana se repite o martes.
Son as consecuencias do cambio adoptado esta tempada 2012/2013 na planificación deportiva do club. Por primeira vez en moitos anos o primeiro plantel pasou de ser catalogado como profesional, coas esixencias que iso leva, a ser afeccionado, o que obrigou á súa vez a cambiar a dinámica do grupo. Adestramentos só pola tarde e xogadores que nalgúns casos deben ausentarse de adestramentos e ata partidos (véxase o caso de Santi Domínguez en Ordes causando baixa por motivos laborais).
Esta semana deuse unha volta de torca máis a esta situación. Nano e Jacobo non poderán vestirse de curto o mércores por atoparse en período de exames, polo que se exercitarán o martes co xuvenil B para non perder a forma. Un problema que tamén sufrirá Richi o xoves. Difícil panorama para preparar o importante compromiso ante o Villalonga en Pasarón.
Santi Domínguez reséntese dun golpe no nocello
Como a can fraco todo son pulgas os problemas físicos volve asomar polo plantel granate. O máximo goleador do equipo, Santi Domínguez, non se adestrou co resto do grupo na primeira sesión da semana ao resentirse dun golpe no nocello sufrido nunha sesión preparatoria da pasada semana. Ao dianteiro de Bueu realizaráselle unha ecografía para coñecer o estado exacto da doenza.
Con molestias seguen ademais Moisés Pereiro, cunha elongación muscular no xemelgo, e Cristóbal Juncal, con dor nun nocello e que tampouco adestrou.