Boas sensacións para Pablo Moreno na Copa do Mundo de Sabre celebrada en Budapest
Por Redacción
Pablo Moreno regresou de Budapest coa sensación de seguir coa súa progresión de cara ao obxectivo de clasificarse para os Xogos Olímpicos de Río 2016.
O tirador da Escola Hungaresa de Pontevedra participou na capital húngara na primeira Copa do Mundo de Sabre da tempada.
Nun torneo cunha participación elevada, de 205 deportistas, Moreno finalizou no posto 46, tras caer na rolda dos 64 mellores ante o francés Rousset (15-11).
Antes o pontevedrés, que participou integrado no equipo nacional de esgrima, pasara a fase de grupo con cinco vitorias e unha derrota.
Pola súa banda no primeiro dos cruzamentos desfíxose do bielorruso Karabinski por 15 toucados a 10.
Na competición por equipos a Selección Española caeu no taboleiro dos 16 mellores ante Alemaña (45-29) finalizando no décimo cuarto posto.
O próximo fin de semana os tiradores da Escola Hungaresa desprazaranse a San Sebastián para disputar o segundo Torneo Nacional de Ranking Absoluto da tempada.