Primeira derrota da tempada para as rapazas do Club Voleibol Pontevedra
Por Redacción
O equipo feminino do Club Voleibol Pontevedra perdeu en Boiro a súa imbatibilidade despois de cinco xornadas de competición na Segunda División Autonómica.
As pontevedresas cederon nun apertado partido por tres sets a dous e caen á terceira praza da clasificación.
O CVP empezou dominando e adxudicouse a primeira manga (21-25) e tras perder a segunda (25-22) volveu adiantarse ao levarse o terceiro set con claridade (14-25).
Cando todo estaba a favor as locais reaccionaron para volver empatar nun partido sen tregua (25-22) e levarse o triunfo no set de desempate (15-9).
Na próxima xornada o Club Voleibol Pontevedra recibirá no CGTD ao XAV Cambados.