Contundente triunfo ante o Universidad de Valladolid dun Arxil en estado de graza (74-55)
Por Redacción
Este Arxil é moito máis que o bo momento de forma dunha xogadora. O conxunto verde reivindicouse no Centro Galego de Tecnificación Deportiva cun contundente triunfo ante o Universidad de Valladolid (74-55).
Fíxoo ademais nun encontro no que as visitantes centraron a súa defensa en parar a Maimouna Diarrá, unha das xogadoras máis determinantes da liga.
En certo modo conseguírono, pois a senegalesa rematou con 12 puntos e 9 rebotes, lonxe das estratosféricas cofras doutros choques, pero ao seu lado xurdiron as figuras de Fallon Lewis e María Lago, con 23 puntos cada unha, para tolear ás valisoletanas.
O Arxil comezou mandando nun apertado primeiro cuarto (16-13), e mantívose por diante todo o encontro cunha renda non moi elevada (51-44 ao inicio do último parcial), ata que nos últimos minutos puxo unha marcha máis para sentenciar.
Con esta vitoria, a cuarta da tempada en cinco partidos, as verdes mantéñense na terceira praza da clasificación no seu grupo da Liga Feminina 2.
CB ARXIL (74): Diarrá (12), Ana Martín, Carla Fernández (4), María Lago (23), Fallon Lewis (23) -cinco inicial- Ana Román (1), María González (2), Jara Tuda, Cristina Díaz-Pache, Sandra Entenza (9).
UNIVERSIDAD DE VALLADOLID (55): Salinas (6), Pilar Río (17), Noelia Pariente (9), Sall (2), Miriam Rodríguez (14) -cinco inicial- Touré, Irene Huerta (7), María González.
Árbitros: Rilo Antelo e Domínguez Portas. Sen eliminadas.
Parciais: 16-13, 15-9, 20-22, 23-11.
Incidencias: Partido disputado no pavillón do CGTD de Pontevedra.