Paso de xigante do Teucro que segue invicto e se impón (30-31) na pista do Atlético Valladolid
Por Redacción
Nove xornadas, nove vitorias. Líder imbatido. Por se non o estivese xa, o Teucro segue empeñado en confirmar partido a partido que vai en serio, que é un claro aspirante ao ascenso a Liga Asobal e que moito van ter que traballar os rivais para desbancalo dese primeiro posto no que se asentou con firmeza.
Tocaba reválida das duras. Había que visitar a pista dun rival directo como o Atlético Valladolid. A mítica pista de Huerta del Rey foi testemuña de como os de Quique Domínguez non se engurran en ningunha circunstancia, nin contra ningún rival. O triunfo do conxunto azul, traballado, sufrido ata o asubío final, foi froito dunha excelente labor de equipo, de non perder nunca a cara ao partido, de deixarse a alma na pista.
Foi un partido dos grandes. Disputado e competido dende o primeiro instante. O Teucro saíu moi forte e concentrado, o que lle permitiu mandar ata mediado o primeiro período (8-10), pero os pucelanos reaccionaron cun parcial de 5-0, pasando a levar a iniciativa (13-11) e mesmo tomando a súa máxima diferenza (15-12) a falta de pouco máis de seis minutos para o descanso, momento en que os pontevedreses encontraron a solución nos seus extremos, Adrián Pumar e Edu Moledo, para lograr a igualada.
A segunda parte comezou con lixeiro dominio local, se ben as diferenzas eran mínimas, ata que a partir do minuto 45 o Teucro se fixo dono do partido e tras o empate a 23 conseguido por Víctor Rodríguez, era o mozo Anxo Otero quen volvía poñer por diante despois de moitos minutos os de Quique Domínguez.
Quedaba un mundo por diante e moito por sufrir. Soubo facelo o Teucro, apoiado no gran partido de Víctor Rodríguez, aínda que se complicou un pouco cando todo parecía sentenciado. E é que con 27-29 no marcador, a falta de menos de cinco minutos, os teucristas forzan unha acción de sete metros que lle custa a exclusión a Viscovich, polo agarrón sobre Gonzalo Carró, e a Ávila, pola protesta. Carlos García transformaba o penalti dando vantaxe de tres goles aos pontevedreses, pero apareceron as dúbidas. Un par de despistes en defensa, co rival xogando con catro homes de pista, permiten dous goles aos pucelanos que se meten no partido.
Adrián Pumar pon algo de calma, pero inmediatamente Roberto Pérez pon o seu equipo a só un gol por debaixo. Por se fose pouco Dani Hernández é excluído obrigando o Teucro a defender case dous últimos minutos en inferioridade. Faino ben, cunha intensidade que non permite ao Valladolid lograr o empate e certificando unha vitoria de mérito que o consolida na cabeza da táboa, con catro puntos de vantaxe sobre o seu inmediato seguidor, o Go Fit Sinfín, que será quen visite o Municipal pontevedrés o próximo sábado.
ATLÿTICO VALLADOLID (30): Rey Enrique, Pérez Verdejo; Raúl Álvarez, De la Rubia (3), Ávila (3), Egea (2), Grossi (4), Fernando Hernández (8), Lacasa, Daniel Pérez (1), Roberto Pérez (6), Quintanilla, Turrado, Viscovich (3) e Joel Gómez.
SD TEUCRO (31): Ricardo Amérigo, Santiago Gómez; Gonzalo Carró, David Chapela (4), Marcos Dorado, Borja Pedreira (1), Carlos García (4), David García Pichel (2), Dani Hernández (5), Edu Moledo (5), Adrián Pumar (4), Víctor Rodríguez (5), José Carlos Ameijeiras, Iván Fernández, Anxo Otero (1) e Carlos Pombo.
Árbitros: Sebastián Fernández Molina e Alberto Murillo Castro (Andalucía). Excluíron por dous minutos a Ávila, Grossi, Fernando Hernández (2) e Viscovich (2), polos locais, e a Gonzalo Carró (2), David Chapela, Marcos Dorado, Dani Hernández (2) e Víctor Rodríguez (2), polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 2-4, 4-7, 8-9, 12-10, 15-13, 18-18 (descanso), 19-18, 21-20, 23-23, 23-26, 26-29 e 30-31 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal Huerta del Rey (Valladolid). Uns 1.800 espectadores, deixándose notar un numeroso grupo de afeccionados galegos.
Relacionadas:
-
O Teucro pide o apoio da súa afección para recibir ao Sinfín: "El equipo está mereciendo que haya una mejor entrada"
Por Diego Espiño |
-
O Teucro reduce o prezo das entradas en busca dun grande ambiente ante o Sinfín
Por Redacción |
-
Quique Domínguez ante a viaxe a Valladolid: "No tengo ninguna duda de que podemos ganar"
Por Diego Espiño |
-
O Atlético Valladolid confía en recibir o Teucro cun cheo no pavillón Huerta del Rey
Por Diego Espiño |