Aprobado o último pagamento de axudas para clubs deportivos da cidade en 2014
Por Redacción
A Xunta Reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) aprobou este mércores a terceira e última liña de axudas para clubs deportivos da cidade destinadas ás súas actividades do ano 2014.
O IMD repartiu 57.889,12 euros entre as 50 solicitudes que cumprían as bases da convocatoria, das 70 presentadas, destinadas ao desenvolvemento de actividades deportivas ordinarias.
Con este acordo queda aprobado o pagamento das tres principais liñas de subvención, despois das resolucións relativas ao apoio ao deporte federado (291.000 euros) e ao funcionamento das Escolas Deportivas Municipais (119.500 euros).
Por outra parte o organismo municipal aprobou o proxecto de substitución das bombas de calor do Pavillón Municipal dos Deportes, que producían a auga quente para as instalacións, por unha caldeira de biomasa.
Trátase dunha actuación encesaria para adecuarse á normativa actual e reducir o impacto ambiental. Conta cun presuposto de 139.228,83 euros.