Feel Cortegada sobreponse ás adversidades e sitúase lider tras vencer (58-75) en Valladolid
Por Ramón Estévez
O Feel Cortegada venceu ao Universidade de Valladolid (58-75). As de Pepe Vázquez chegaban invictas a Pucela, cunha traxectoria inmaculada no que vai de tempada, pero, se ben o refacho no deportivo é perfecto, as baixas están a lastrar ao equipo e facendo que algunhas xogadoras teñan que estar sobre a cancha máis de 30 minutos. E é que nin María España, por problemas persoais, nin Montse Gilabert, por lesión, puideron ser da partida, polo que a rotación coa que pode contar o corpo técnico vilagarciano se está a ver minguada.
Esta situación aproveitouna o equipo valisoletano, sabedor dos problemas na dirección de xogo do Feel Cortegada. Así, entre as perdas de balón, a agresividade local, moitas veces non sancionada polos colexiados, e a relaxación en defensa, as pucelanas mantíñanse no encontro, mesmo chegando ao descanso con 3 puntos por enriba (34-31).
Tras o paso por vestiarios, o Feel Cortegada axustou a súa defensa e volteou o marcador ata deixalo en 47-50 e coas espadas en todo o alto para o último cuarto, no que se produciu o despegue das de Pepe Vázquez. Cun parcial de 11-25 dinamitaron calquera opción de vitoria para as vallisoletanas combinando unha gran defensa, adaptada ao listón arbitral, cun grande acerto en ataque, onde destacaron Andrea Ríos con 18 puntos, e Ilenia Manzanares e Dita Liepkalne, que anotaron 16 cada unha.
A nota negativa do encontro púxoa Salomé García, que tras anotar un triplo sobre a bucina do último período, se produciu unha escordadura de nocello, polo que haberá que esperar para saber se pode recuperarse para o partido do próximo sábado en Fontecarmoa, contra o Pavillón de Ourense.
Tras a finalización da oitava xornada, o Feel Cortegada encabeza a clasificación do Grupo A da Liga Feminina 2, con 7 vitorias, as mesmas que o Universitario de Ferrol. Ambos os dous equipos xa sacan 3 triunfos aos seus perseguidores, xa que esta xornada os seus rivais directos, Ensino de Lugo e Club Baloncesto Al-Qaceres, perdían os seus encontros fóra de casa ante Aros León e Pabellón de Ourense respectivamente.
UNIVERSIDADE VALLADOLID 58 (12 + 22 + 13 +11): Salinas (11), Vicente (12), Río (3), Correa (6), Rodríguez, García, Navarro (17), Parro (7), Rodríguez (2) e Castilla.
FEEL CORTEGADA 75 (15 + 16 + 19 +25): Andrea Ríos (18), Dita Liepkalne (16), Onaissa Sbahy (6), Salomé García (9), Amy Syll (7), Lucía Méndez (3) e Ilenia Manzanares (16).
Árbitros: Rafael Serrano e Saúl Pérez. Sinalaron 14 faltas ao Universidade de Valladolid e 8 ao Feel Cortegada.
Incidencias: Pavillón Universidade Fuente de la Mora, de Valladolid. Uns 150 espectadores.