La Roca resulta ser demasiado branda para un Teucro moi superior (43-32)
Por Ramiro Espiño
Nin o rival, nin a lamentable actuación arbitral. Este Teucro segue camiñando sen obstáculos insalvables no seu camiño. BM La Roca foi a vítima nesta ocasión (e xa van oito) no seu impecable inicio ligueiro.
Se o marcador foi avultado, o conxunto catalán debe dar as grazas que non o fose aínda máis a unha parella arbitral, cun nivel indigno para a categoría, empeñada en nivelar minimamente as forzas con decisións tan erróneas como prexudiciais para o cadro teucrista.
Os de Quique Domínguez mandaron con comodidade dende o comezo, ampliando pouco a pouco distancias no marcador, a pesar do condicionante das dúas temperás exclusións sufridas por Dani Hernández, que limitaron a súa achega defensiva.
Co propio Dani Hernández e Edu Moledo, dous dos habituais mellores artilleiros azuis, inusualmente secos na primeira parte, o Teucro encontrou a solución en Borja Pedreira, primeiro, e en David Chapela máis tarde. Foi suficiente. Os visitantes non acertaban cunha defensa blandiña, doada presa para os teucristas.
Así chegaba a primeira diferenza importante (10-5) no minuto 12, que obrigaba o técnico catalán a pedir o seu primeiro tempo morto. Nin o cambio en portaría deulle resultado e o Teucro seguiu ao seu, sen necesidade de empregarse a tope. A súa profundidade de banco permitíalle un ritmo moi superior. E os números reflectían a diferenza en pista, cunha máxima vantaxe de nove goles (20-11) a falta de catro minutos para o descanso. Os árbitros permitiron con tres decisións estrañas que os visitantes recortasen, pero só lixeiramente porque sobre a pista había un único equipo.
A segunda parte só serviu para ratificar as sensacións da primeira. Tanto que mesmo Quique Domínguez aproveitou para rotar aos seus porteiros e dar minutos a Santiago Gómez, que de novo deixou claro que é un reposto de garantías e moito nivel para Ricardo Amérigo.
E nin os cambios nin a lóxica relaxación impediron que a diferenza aumentase en cada parcial a favor do Teucro, curiosamente nun partido en que Dani Hernández non lograba ver portaría.
Co partido sentenciado dende moito antes, Quique Domínguez puido tirar de banco e repartir minutos. Foi o único que evitou que o luminoso se disparase ata uns algarismos de escándalo, nunha recta final convertida en "correcalles".
SD TEUCRO (43): Ricardo Amérigo; David García Pichel (5), Gonzalo Carró (3), Carlos García 8, 2 de penalti), Borja Pedreira (5), Dani Hernández, Edu Moledo (1) -sete inicial-, Santiago Gómez (p.s.), Anxo Otero (2), Carlos Pombo (3, 1 de penalti), David Chapela 7, 1 de penalti), Adrián Pumar (4, 1 de penalti), Víctor Rodríguez (4), e José Carlos Ameijeiras (1, de penalti).
BM LA ROCA (32): Pau Puget; Marc Sánchez (2), Marc Navarro (2), Pau Pérez (4), Estapé (1), Sergi Ferrer (5), Pere Vaquer (5) -sete inicial-, Miquel González (p.s.), Catafal (1), Deumal (1), Didac Curia (3), Montserrat, Marc García (6, 2 de penalti) e Mario Martínez (2).
Árbitros: Daniel López Romero e Manuel Mohedano Fernández (Castela-A Mancha). Excluíron por dous minutos a Dani Hernández (2), Edu Moledo e José Carlos Ameijeiras, polo Teucro, e a Catafal (2), Didac Curia, Pere Vaquer e Marc García, polo conxunto visitante.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 7-4, 12-7, 15-9, 20-11, 21-14 (descanso), 24-16, 29-18, 31-19, 33-21, 37-25 e 43-32 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 400 espectadores.