O Racing de Ferrol pon a proba a reacción do Pontevedra
Por Diego Espiño
Difícil compromiso ligueiro para o Pontevedra na Malata (sábado, 17:00 horas) ante un Racing de Ferrol que se está a mostrar practicamente intratable esta tempada. O equipo departamental gañou 13 dos seus 15 encontros na liga pero xa caeu nunha ocasión no seu estadio, ante o Alondras.
O Pontevedra está a 14 puntos do líder, só a dous da segunda praza, pero a diferenza non debería ser un hándicap para un conxunto, o granate, que mostrou a súa mellor cara ante os rivais da zona alta da clasificación.
Tras superar unha crise de resultados os de Milo Abelleira parece que recuperaron a boa senda con dúas vitorias e un empate nas últimas tres semanas, pero seguen a ter a materia pendente de lograr vencer un partido a domicilio, algo que non consegue o Pontevedra dende a terceira xornada de liga.
Para iso o técnico lerezano non poderá contar con Moisés Pereiro, ao que as probas revelaron que sofre unha elongación no xemelgo que lle impediu finalmente figurar na convocatoria. Si entraron na lista Cristóbal Juncal, con molestias no nocello, Iago Paz, unha vez recuperado dos seus problemas musculares, e Richi, que tamén adestrou a menor ritmo durante a semana. A convocatoria complétana Lloves, Adrián, Sestelo, Pablo, Nano, Caco, Fran Fandiño, Tubo, Santi Domínguez, Lorenzo, Breogán, Jacobo e Stefan. O colexiado do encontro será o vigués Daniel Arias Penas.