A solidez do Ángel Ximénez pon a proba o bo momento do Teucro
Por Diego Espiño
Catro puntos en dous partidos permitiron á Sociedad Deportiva Teucro afastarse dos postos perigosos da clasificación e pensar en cotas máis ambiciosas, aínda que non sexan o obxectivo principal da tempada.
A dúas xornadas da conclusión da primeira volta un bo resultado en Puente Genil ante o Ángel Ximénez (sábado, 12:30 horas no Pabellón Municipal Alcalde Miguel Salas) pode deixar aos teucristas ás portas dos postos que dan acceso ao play-off de ascenso á Liga Asobal.
Os de Javier Barrios, unha vez que estrearon o seu casilleiro de triunfos a domicilio en Irún, intentarán dar a sorpresa ante un Ángel Ximénez, cuarto clasificado, que non perdeu na súa cancha e que chega ao encontro logo de gañar a un dos máximos favoritos da categoría, o Medicentro Gijón.
O adestrador teucrista non poderá contar con Siscu, que segue sen recuperarse dos seus problemas nun abdutor, e César Armán, que tamén se quedou en Pontevedra afectado de gripe. Os dous xogadores únense ás baixas de Carlos García e Miguel Porto, o que obrigou a reducir a expedición teucrista en terras andaluzas a só 12 xogadores.