Lección de madureza do Teucro que de novo sabe sufrir para gañar (32-33) en Barakaldo
Por Redacción
Cando se sofre as vitorias en deporte saben mellor. Pois o Teucro se está a aboar ao sufrimento, polo menos nos seus compromisos a domicilio, e se na anterior saída a Antequera o triunfo chegou por un apertado 33-34, nesta ocasión os de Quique Domínguez case repiten resultado en Barakaldo, onde gañaron tamén pola mínima diferenza, pero volvendo dar unha lección de madureza como equipo para impoñerse nunha pista sempre tan complicada como a biscaíña.
A primeira metade xa foi un anticipo do que logo sería a recta final do partido. Alternativas constantes e vantaxes mínimas para un e outro equipo, sen que ningún conseguise despegarse no marcador. Ata que chegou un dos momentos claves do partido. Corría o minuto 19 e os locais ían dous arriba (13-11). O Teucro apertou en defensa para conseguir un parcial favorable de 0-6 en apenas oito minutos, e poñerse por diante (13-17), diferenza coa que lograría levar a iniciativa ata chegar ao descanso cunha curta pero tranquilizadora renda de tres goles.
Os comezos da segunda parte parecían apuntar a unha vitoria sen problemas do conxunto azul, que en pouco tempo conseguiría ampliar a diferenza ata poñerse cinco arriba (19-24, minuto 35). Pero os vascos non se renderon e pouco a pouco foron recortando para entrar nos últimos 15 minutos con só un gol de desvantaxe.
Entón apareceu esa madureza dun equipo que, como o pontevedrés, segue apuntando moi alto. Cada gol que anotaban os locais era respondido polo equipo pontevedrés, que tivo en Dani Hernández ao seu brazo executor nos instantes decisivos.
BM BARAKALDO (32): Gontzal, Jon Urretxa; Lánder Borda (1), Bordegaray, Sergio Fernández (6), Oier (5), Borja Lucas (1), Momeñe (7), Moreno (3), Ortuondo (4), Sarasola (3), Asier Nieto (1), Íker Puerto e Valderrama (1).
SD TEUCRO (33): Ricardo Amérigo, Iago Gómez; Gonzalo Carró (2), David Chapela (3), Marcos Dorado, Borja Pedreira (3), Carlos García (6), David García Pichel, Dani Hernández (6), Edu Moledo (9), Adrián Pumar (2), Víctor Rodríguez (1) e Carlos Pombo (1).
Árbitros: Matías Muñiz Castellano e Joseba Jokin Ordoki Ochoa (Navarra). Excluíron por dous minutos a Oier e Ortuondo, polo Barakaldo, e a Gonzalo Carró, Borja Pedreira, David García Pichel, Adrián Pumar e Víctor Rodríguez, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 4-3, 6-6, 11-9, 13-12, 13-16, 16-19 (descanso), 19-23, 23-26, 25-27, 28-29, 30-31 e 32-33 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal Lasesarre (Barakaldo).