O Poio FS encaixa a súa primeira derrota da tempada (1-3) ante o Ourense
Por Redacción
Loita, intensidade e igualdade de forzas. O Poio FS mereceu algo máis, pero rematou perdendo a súa imbatibilidade ligueira ás mans dun Ourense que manexou o balón con calma e fixo valer o seu minuto de ouro no que conseguiu dous goles case seguidos que romperon o partido ao seu favor.
As xogadoras locais premían con ganas, pero o conxunto visitante conseguía o seu obxectivo despois dun roubo en metade de pista, que aproveita Anita para inaugurar o marcador. Case sen tempo para reaccionar, o Ourense facía o segundo tanto por medio de Sara Moreno, aproveitando un saque banda de Ana.
O Poio intentou reaccionar pero o Ourense estaba cómodo coa renda a favor e máis cando mediado o segundo tempo de novo Sara Moreno batía a Silvia recollendo un saque en longo de Vane.
Morenín recorrería ao xogo de cinco e Claudia, ao transformar un penalti, reducía diferenzas con cinco minutos por xogar, pero o marcador xa non se movería.
POIO FS (1): Silvia; Souza, Claudia, Nerea, Elena -cinco inicial-, Irene, Paloma, Jenny, Charo e Tania.
OURENSE (3): Vane; Sara Moreno, Marta, Bea Seijas, Laura -cinco inicial-, María Romero, Ro, Peke, Chiqui e Anita.
Goles: (0-1) Minuto 15: Anita. (0-2) Minuto 16: Sara Moreno. (0-3) Minuto 30: Sara Moreno. (1-3) Minuto 35: Claudia, de penalti.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Unhas 300 persoas.