Numeroso público na II Velada Concello de Marín de Boxeo
Por Redacción
Grande ambiente na II Velada Concello de Marín de Boxeo Olímpico, celebrada o pasado sábado no pavillón da Raña organizada polo Rebouras Team.
O numeroso público asistente puido gozar de dez combates coa presenza de varios púxiles locais.
No combate principal, o que pechou a noite, enfrontáronse dous dos mellores boxeadores de Galicia, o marinense Aarón González e o ruso afincado na Coruña Kiril Pokrovskiy. O púxil local levouse a contenda despois duns asaltos que logrou dominar pero nos que o seu contrincante tamén o puxo en apuros.
Pola súa banda os tamén locais Sergio Pintos, do Mat's, e Abel Ferreira (Rebouras), tiveron resultados dispares. Pintos impúxose por KO ao seu rival, Daniel Brea, mentres Ferreira perdeu ao parar o árbitro o combate tras caer á lona.
No resto de enfrontamentos o resultado foi o seguinte: Cristhian González (Rebouras Team) gañou ao vasco Fernando Macole; Lorea Murgoitio (Rebouras Team) dobregou a Sara Peral (ADK Astur); Rocio Suarez (Rebouras Team) impúxose a Alba Fagil (BKC); Javier Fernandez (Rebouras Team) superou aos puntos a Eñaut Basasoro (Pais Vasco); Juan Araujo (Rebouras Team) cedeu por puntos ante Marcos Vila (EB o Canario); Alberto Fontán (Fight Club) cedeu por KO Técnico ante Cristian Álvarez (Xan Pérez); e Javi Izquierdo (Krazzy) perdeu por puntos ante Wilson Tabares (Padrón).