Pablo Moreno, da Escola Hungaresa, finaliza sexto no Torneo Nacional de Sabre de Barcelona
Por Redacción
Notable papel do pontevedrés Pablo Moreno no primeiro Torneo Nacional de Ranking de Sabre en categoría absoluta da tempada.
O tirador da Escola Hungaresa de esgrima finalizou sexto en Barcelona, nunha competición que contou con 80 deportistas, entre os que se atopaba o equipo nacional de Venzuela.
Moreno completou a fase de grupos cun pleno de triunfos, clasificándose para a seguinte rolda na sétima praza da xeral.
Nos cruces o pontevedrés desfíxose primeiro de Álvaro Génova, do Club de Esgrima de Madrid, por 15 tocados a 5 e logo de Jaime González, do Escorial, por 15 tocados a 8.
Metido entre os 16 mellores, Pablo Moreno enfrontouse ao venezolano José Quintero, que abandonou o asalto por lesión, facilitando a entrada de Moreno na final de 8 tiradores.
Unha vez alí, cunha praza para o podio en xogo, mediuse a Josmar Méndez, do equipo venezolano, co que caeu por un axustado marcador de 15 tocados a 14.