O Teucro convertido en apisoadora esmaga ao Academia Octavio (31-21) no derbi
Por Ramiro Espiño
Este Teucro vai en serio. Por se había algunha dúbida despois de sumar tres primeiras vitorias nas tres primeiras xornadas de Liga e unha máis na Copa do Rei, a visita do Academia Octavio, sempre incómodo pola rivalidade, era como unha proba de lume para calibrar as posibilidades dos homes de Quique Domínguez. E superárona con notable alto, por non dicir sobresaínte, esmagando ao conxunto vigués, que unicamente puido aguantar os dez primeiros minutos de partido e conseguindo o triunfo máis folgado en moito tempo nun derbi provincial.
E iso que non pintaba ben o partido nos seus compases iniciais para o Teucro. Jorge García Lloria parábao todo (catro dos primeiros cinco lanzamentos azuis) e o Academia Octavio íase no marcador cun inquietante 1-4.
Pero Quique Domínguez non tardou en demostrar que os seus 15 anos no banco vigués lle deron un coñecemento absoluto da súa forma de xogo. O técnico local ordenou un cambio de defensa, cun 4-2 moi profundo premendo sobre ambos os dous laterais e aos vigueses apagóuselles a luz, coincidindo tamén coa aparición en escena de Ricardo Amérigo, que non quixo ser menos que o seu colega na portaría contraria e comezou a achegar paradas de todas as cores, incluíndo dous lanzamentos de sete metros.
Carlos García empataba o partido (5-5) superado o minuto 10. Adrián Pumar daba a primeira vantaxe ao Teucro pouco máis tarde, e os pontevedreses fixéronse donos da pista.
Con 9-6 a favor (minuto 16) e logrando dous tantos en inferioridade o Teucro, o técnico visitante intenta parar a avalancha cun tempo morto. Non lle serviu de nada. Nin sequera a pesar de que Quique Domínguez empezou a dodificar os seus homes tirando de banco. A diferenza seguiu crecendo e foise ata os seis goles (13-7), máxima do partido ata ese instante.
Ao descanso a sensación era que o Teucro puxera de manifesto unha superioridade clara, cun xogo serio en defensa e sen apenas erros en ataque.
Esa sensación foi mesmo superior no segundo tempo. Malia os tímidos intentos de achegarse, os vigueses nunca conseguiron poñerse a menos de catro goles de distancia, mentres o Teucro crecía máis co paso dos minutos, ata o punto de que en todas as accións de inferioridade, por exclusión dalgún xogador, os azuis foron capaces de saldalas con parciais favorables.
A entrada dos xogadores menos habituais, lonxe de levantar o pé do acelerador, aínda fixo crecer máis a diferenza, pechando o partido cun marcador dos que non se recorda nun derbi provincial.
SD TEUCRO (31): Ricardo Amérigo; David García Pichel (4), Gonzalo Carró, Carlos García (3, 2 de penalti), Borja Pedreira (4), Dani Hernández (7), Edu Moledo (6) -sete inicial-, Santiago Gómez (p.s.), Carlos Pombo, David Chapela (1, de penalti), Adrián Pumar (5), Marcos Dorado, Víctor Rodríguez, Iván Fernández e José Carlos Ameijeiras (1).
ACADEMIA OCTAVIO (21): García Lloria; Salazar (2), Quintas, Germán Hermida (1), Duarte Batán, Víctor León (2), Diogo Queirós (3) -sete inicial-, Jesús Veiga (p.s.), Ballesteros (p.s.), Borja Méndez (4, 1 de penalti), Alejandro Conde, Corcera (3), Fernández Sedano, Jorge Manuel Diego, ÿscar Silva (6, 4 de penalti) e Rubén Figueirido.
Árbitros: Daniel Portela Fernández e Martín Rodríguez Mondelo (Galicia). Excluíron por dous minutos a Marcos Dorado (3, descualificado a falta de 7'48") e Gonzalo Carró, no Teucro, e a Germán Hermida (2) e Diogo Queirós, no Academia Octavio.
Marcador (cada cinco minutos): 1-3, 4-5, 7-6, 12-7, 14-10, 17-12 (descanso), 20-15, 24-18, 25-20, 27-21, 30-21 e 31-21 (final)
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 1.000 espectadores con notable e ruidosa presenza de seguidores vigueses.