Festival de tarxetas que priva da vitoria o Pontevedra (1-1) en Vilalba
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Mereceu máis que un simple empate o Pontevedra en Vilalba. Os granates, que realizaron os mellores quince minutos do que levamos de tempada ao comezo do partido, adiantándose no marcador, encontráronse logo coa rigorosidade arbitral, que lles deixou en inferioridade, expulsando a Capi por dúas accións nas que non había nin falta, circunstancia que aproveitou o equipo local para empatar.
A posta en escena dos de Manu Fernández foi excelente. Con Fran Fandiño acompañando a Kevin Presa como pivotes dun 4-4-2 no que Pablo Carnero e Jorge eran os estiletes. Con bo xogo e ambición en busca dunha vitoria que necesitaban para tranquilizar ao equipo e ao ámbito.
O Pontevedra manexaba o partido e o xogo a partir da posesión e o control do balón, sen permitir ao Rácing Villalbés saír do seu campo. Recuperando con rapidez e alternando os apoios en curto con cambios de orientación, os granates (nesta ocasión de azul) daban a sensación de superioridade, actuando cunha intensidade apenas vista ata agora.
Parecía que o gol era cuestión de tempo. Se Pablo Carnero fallara o que non adoita facer nun man a man (minuto 3) tras gañar as costas a Muiña, estrelando o seu remate nos pés do porteiro Viuski, á segunda non perdoaron os visitantes. E foi todo un golazo. Mouriño sacou de esquina sobre Jorge, en primeiro apoio. A devolución deste recibiuna o propio Mouriño (minuto 12) e dende o pico da área no carril esquerdo do ataque, púxoa de rosca na mesma escuadra.
Era o xusto premio ao que se vira ata entón. O Pontevedra conseguira á cuarta visita e en poucos minutos, o que non lograra nas súas tres visitas anteriores: marcar na Magdalena.
Non obstante o gol pareceu activar aos locais, que puideron empatar pouco despois (minuto 15) cando Javi Otero centrou e Mauro Poratti rematou de cabeza. Lloves voou para tocar o xusto o balón e mandalo á travesa.
A partir de aquí o xogo nivelouse, se ben os locais apenas creaban máis perigo que o que chegaba pola súa banda dereita, cos centros de Dani e Javi Otero, que poñían a proba a solidez defensiva granate no xogo por alto.
Puido ampliar a conta Centrón (minuto 23) pero o seu disparo, a pase de Pablo Carnero, marchou excesivamente cruzado, rozando o poste. Tamén puido facelo Jorge, que non aproveitou un mal rexeitamento de Javi Varela, tirando frouxo e mal (minuto 41) en inmellorable posición. Como igualmente puido empatar o mesmo Javi Varela (minuto 44) ao rematar de cabeza unha falta botada polo especialista Justino, pero se encontrou cun seguro Lloves.
Ao descanso a sensación era que o partido estaba aberto, se ben os visitantes cando chegaban o facían con ocasións máis claras. Pero faltaba sentenciar.
Os comezos do segundo tempo mostraron a un Pontevedra que perdeu intensidade nas disputas e, como consecuencia diso, metros no campo, posesión de balón e protagonismo no partido. Como se esperaran a posibilidade de resolver nunha contra, os de Manu Fernández optaron por ceder o balón ao rival, achicando espazos e protexendo a súa zaga.
Os granates non sufrían, pero tampouco creaban perigo. O que non contaban era coa aparición arbitral, que mostrara unha primeira tarxeta a Capi por unha falta inexistente e sete minutos máis tarde lle mostraba a segunda por outra acción máis que discutible (minuto 65), deixando os visitantes en inferioridade. As protestas custaron tamén a expulsión ao técnico pontevedrés.
En superioridade o conxunto local fíxose dono do campo pero sen crear excesivo perigo. Non obstante ese dominio foi suficiente para que nunha acción illada Rubén Pardo gañe a liña de fondo e poña o coiro na cabeza de Iván (minuto 69), que dende preto non perdoou conseguindo a igualada.
Non se renderon os granates, que arriscaron dando entrada a Anxo e Benja en busca do gol, pero foi o Rácing Villalbés quen estivo máis preto de logralo cando Javi Rey remata ao poste (minuto 88), aproveitando un balón solto na frontal da área.
Non sería xusto. Como tampouco o foi o empate. O Pontevedra mereceu máis, se ben ademais da rigorosidade arbitral que quixo compensar no desconto igualando forzas coa expulsión de Make (minuto 93), a responsabilidade do empate se pode achacar en case idéntica medida ao seu conservadorismo do segundo tempo.
RÁCING VILLALBÿS (1): Viuski (2); Dani (1), Javi Varela (1), Muiña (2), Álex (1); Pablo (2), Make (1); Javi Otero (1), Justino (1), Mauro Poratti (1); e Iván (1).
Substitucións: José Varela (2) por Javi Otero, minuto 65. Rubén Pardo (2) por Mauro Poratti, minuto 65. Javi Rey (s.c.) por Pablo, minuto 81.
PONTEVEDRA CF (1): Lloves (2); Campillo (1), Pablo (2), Capi (1), David Feito (2); Mouriño (2), Fran Fandiño (2), Kevin Presa (2), Centrón (1); Pablo Carnero (2) e Jorge (1).
Substitucións: Pedro García (1) por Jorge, minuto 68. Anxo (1) por Centrón, minuto 77. Benja (s.c.) por Campillo, minuto 83.
Árbitro: Sergio Espasandín Cores (A Coruña), auxiliado nas bandas por Marcos Ordóñez Rodríguez e Diego Gándara Bello. Expulsou por dobre amoestación o visitante Capi (minuto 65), e o xogador local Make (minuto 93). Tamén expulsou o técnico granate, Manu Fernández, por protestar a expulsión do seu xogador. Amoestou a Javi Varela, Javi Otero e Justino, polo conxunto local, e a David Feito, Pablo, Anxo e Pedro García, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 12: Mouriño. (1-1) Minuto 69. Iván.
Incidencias: Campo Municipal da Madalena (Vilalba). Uns 175 espectadores.