Entrada de balde para socios e a cinco euros para o público xeral no Teucro-Zarautz de Copa do Rei
Por Redacción
O primeiro equipo do Teucro prepara con ilusión o compromiso que lle enfrontará o próximo sábado (20:30 horas) ao Amenabar Azarautz en primeira rolda da Copa do Rei.
Os azuis recibiron este mércores a visita do lesionado César Armán, que se recupera dunha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo.
O extremo recibiu o cariño dos seus compañeiros, que lle renderon unha pequena homenaxe debuxando o seu número, o 15, coas camisetas de ánimo que luciron no primeiro partido da tempada na casa.
Quique Domínguez non contará con ningunha baixa máis para a cita, non así o Zarautz que perderá á súa grande estrela, o internacional Alberto Aguirrezabalaga, en negociacións cun club da Primeira División francesa.
Por outra parte o club deu a coñecer o prezo das entradas para o encontro, fixado en cinco euros para o público xeral, mentres os socios poderán entrar de balde no Pavillón Municipal dos Deportes.