O Teucro, ante o seu mellor inicio ligueiro dende o descenso de Asobal
Por Diego Espiño
O inicio de liga que está a protagonizar a Sociedad Deportiva Teucro logrou ilusionar os seus afeccionados. E non é para menos, pois o conxunto azul se situou líder, con seis puntos, empatado co BM Nava despois de sumar tres vitorias noutros tantos partidos.
Aínda que sexa pronto para aventurar as expectativas reais do equipo adestrado por Quique Domínguez, que segue fixando o seu obxectivo na permanencia, o certo é que se trata do mellor inicio ligueiro dende que o club lerezano descendeu na tempada 2008/2009 de Asobal á División de Honra Prata.
Só a pasada campaña e a 2009/2010, a primeira tras o descenso, os números achéganse, con cinco puntos grazas a dous triunfos e un empate. En ambas as dúas ocasións a primeira derrota chegaría na quinta xornada.
Non obstante os azuis teñen presente o recordo da pasada tempada, cando un bo inicio non supuxo unha boa clasificación final en liga, tendo que esperar á última xornada para certificar a permanencia.
Por ese motivo os de Quique Domínguez queren evitar calquera tipo de euforia, tendo en conta por se fose pouco que o próximo encontro ligueiro será o derbi ante o Academia Octavio, o sábado 11 de outubro no Pavillón Municipal.
Antes o Teucro afrontará este sábado (20:30 horas) a primeira eliminatoria da Copa do Rei, que o enfrontará a partido único e na casa ao Amenabar Zarautz.
En caso de lograr o pase á seguinte rolda os azuis cruzaríanse co Ángel Ximénez de Liga Asobal, xogando de novo a eliminatoria como local.
Relacionadas:
-
Quique Domínguez: "Algunos de mis mejores momentos los he vivido en la Copa del Rey"
Por Diego Espiño |
-
Entrada de balde para socios e a cinco euros para o público xeral no Teucro-Zarautz de Copa do Rei
Por Redacción |
-
Unha gran primeira parte fai posible a vitoria do Teucro (26-32) en Torrelavega
Por Redacción |