Nove medallas para atletas da Gimnástica nos últimos campionatos galegos da tempada
Por Redacción
Víctor Riobó impúxose o sábado nunha gran Milla Urbana de Marín, Campionato Galego da distancia, pero non foi a única medalla para os atletas da Sociedad Gimnástica nos últimos campionatos autonómicos da tempada.
Tamén en Marín Matilde Acuña gañou na súa categoría veterana de 40 anos, mentres Jorge Puig e Cristina González se levaron a medalla de bronce nas categorías xuvenil masculina e júnior feminina.
A Milla supoñía ademais o Campionato Galego de 1 quilómetro, reservada ás categorías inferiores. Alí Pedro Santos sumou un ouro en idade alevín, ao igual que a súa irmá Carolina na carreira benxamín. Pola súa banda Fernando Rial foi bronce en categoría cadete.
Completaron a fin de semana Cristina González e Laura Goñi nos 10 quilómetros de Ribeira con senllos oros nas categorías júnior e promesa respectivamente.
En total un balance de seis oros e tres bronces nos últimos torneos autonómicos da tempada atlética.